Mañá diferente para as xogadoras do Club de Baloncesto Arxil, de Pontevedra. Hoxe toda a plantilla participou nunha actividade en colaboración coa Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra. Saíron navegar nos barcos dragón xunto as Libélulas, o equipo composto por mulleres con cancro de mama. Un xeito de recordar a Maite Méndez, histórica adestradora do Arxil falecida este mes de abril.

O legado de Maite Méndez segue ben presente. Dous meses despois do falecemento da histórica adestradora do Arxil, hoxe o seu equipo participou nunha actividade diferente no seu recordo.

As rapazas de toda a plantilla embarcaron nos dragon boats da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra. Unha modalidade do piragüismo que mestura o kaiak e a canoa.

Fixérono, ademais, acompañadas das integrantes das Libélulas, o equipo do Ciudad de Pontevedra composto por mulleres con cancro de mama ou sobreviventes desta enfermidade.

Unha oportunidade para estas rapazas de achegarse a un deporte ben distinto ao seu, o baloncesto.

O que quedou claro é que se moveron como peixes na auga e que gozaron cambiando as canchas polo río Lérez e a pelota polo remo.

Fuente: CANAL RÍAS BAIXAS