Os erros do Arxil, especialmente no último cuarto do partido, condenaron ás pontevedresas na súa visita á sempre complicada cancha do Cortegada. Nun derbi intenso e con moitas alternativas tanto no xogo como no marcador, as mozas de Mayte Méndez sucumbiron ante as vilagarcianas por 85-78. Fixérono, iso si, mostrando unha boa imaxe no seu primeiro partido de liga sen Tajay Ashmeade.

A ausencia da xamaicana, que deixou o equipo hai unhas semanas, notouse especialmente no xogo interior do Arxil e a súa capacidade reboteadora. Con respecto a este último concepto, a superioridade do Cortegada foi aplastante, 45 rebotes en todo o partido fronte aos 22 das pontevedresas. Pero desde o primeiro minuto as visitantes aproveitaron os seus recursos e plantexaron un xogo que lles permitiu dar a cara en todo momento.

Fixérono especialmente grazas ao traballo de María Lago, máxima anotadora do partido con 23 puntos, que ben apoiada polas súas compañeiras axudou a que o primeiro cuarto, no que o Cortegada xa notou a excepcional achega das súas dous principais xogadoras, Montse Gilabert e Laura Aliaga (41 puntos entre as dúas), as diferenzas fosen mínimas (24-22). E o mesmo ocorreu, aínda que con menos intensidade, no segundo parcial.

Os catro puntos de vantaxe do Cortegada ao descanso foron neutralizados rápidamente polo Arxil nun sensacional terceiro cuarto. Foron os mellores minutos das pontevedresas, nos que o acerto anotador de María Lago e Natalia Soage, xunto cos problemas das locais cada vez que tiñan que poñer o balón en xogo, permitiron que as xogadoras de Mayte Méndez entrasen no cuarto e definitivo parcial tres puntos arriba (60-63).

O Arxil mantívose no partido ata os últimos dous minutos. Co 68-69 no marcador, ás pontevedresas comezaron a fallarlles as forzas. A iso sumouse a cuarta falta persoal de María Lago e a eliminación de Carla Fernández (as pontevedresas queixáronse dunha arbitraxe especialmente caseira neste último cuarto). As vilagarcianas aproveitaron esa debilidade para sentenciar o partido cun parcial de 17-9.

Con este resultado, o Cortegada logra a súa cuarta vitoria en nove partidos e colócase na novena praza da clasificación. Son os mesmos números que ten o Arxil, que non puido lograr o seu cuarto triunfo consecutivo. As pontevedresas son sétimas na táboa.

PORTOMAR CORTEGADA (85): Andrea Ríos (8), Montse Gilabert (19), Laura Aliaga (22), Salomé García (12), Mame Coumba (17) -cinco inicial- Lara Pazos, Marta Carregal, Alejandra Carballa (7), Miriam García.

CB ARXIL (78): Ana Martín (11), Carla Fernández (8), María Lago (23), Fany López, María González (7) -cinco inicial- Andrea Carrera (2), Jara Tuda (3), Cristina Díaz (4), Natalia Soage (13), Sandra Entenza (5), Pilar Martínez (2).

Árbitros: Godoy Morillo e García Fernández. Eliminaron por faltas personais a Carla Fernández polo equipo visitante.

Parciales: 24-22, 16-14, 20-27, 25-15.

Incidencias: Partido da Liga Feminina 2 disputado no Pavillón de Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa).

CRÓNICA: PONTEVEDRA VIVA