NOTA DE PRENSA
LOUZÁN ENTREGA DOUS SUBVENCIÓNS ANUAIS Á XIMNÁSTICA E Ó ARXIL CUN IMPORTE TOTAL DE 45.000 EUROS
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, entregou esta mañá no Pazo provincial as subvencións que como cada ano a institución concédelle á Sociedade Ximnástica Pontevedra e ó Club de Baloncesto Arxil. As achegas, que ascenden a un total de 45.000 euros, serán empregadas para afrontar tanto gastos correntes como excepcionais e acometer algunha pequena obra de mellora nas instalacións dos clubs.
En representación das entidades deportivas recolleron as subvencións o presidente da Sociedade Ximnástica, Ramón Touza, e o secretario e adestrador do Arxil, Lino Vázquez. Na súa intervención o primeiro fixo fincapé en que “a Deputación sempre aparece cando se lle necesita, nos momentos álxidos da tempada” e lembrou que esta institución “sempre cumpre os seus compromisos con puntualidade”. Pola súa banda, Lino Vázquez agradeceu este xesto e outros moitos feitos pola Deputación “xa que a súa axuda é fundamental para a supervivencia do club”.
Para rematar o acto, o presidente provincial agradeceu ós directivos a súa “aportación altruísta para o engrandecemento do deporte provincial” e animoulles a seguir traballando duro; “pola nosa banda” matizou Louzán, “intentaremos, na medida do posible, seguir potenciando os diferentes deportes e poñendo en marcha as infraestruturas necesarias para elo”.
Pontevedra, 19 de maio de 2011.
Saúdos. Gabinete de Comunicación.