O equipo pontevedrés non gañou ningún dos doce parciais anteriores ao descanso nos partidos da actual temporada.

Os segundos cuartos perseguen o Club Baloncesto Arxil. O equipo pontevedrés non foi quen de impoñerse en ningún segundo parcial do que vai de campionato de Liga Femenina Challenge. Dos doce que se levan disputados ata o momento, o equipo que dirixe Marita Janeiro sumou menos que o seu rival en once segundos períodos e foi quen de igualar en un. A excepción que confirma a regra foi no enfrontamento perante o Lima-Horta, no que ámbolos dous colectivos sumaron 14 puntos.

De feito, o segundo cuarto é o único que lle resta por vencer á escadra lerezana. Baixón de rendemento debido ás rotacións, axustes tácticos dos rivais, cansanzo, falta de continuidade do acerto ou simple inferioridade poden ser algúns dos motivos detrás desa dinámica que di que o período anterior ao descanso é o que peor xeito lle dá á escadra verde.

Nese senso, os mellores períodos para o equipo pontevedrés son os terceiros e os primeiros, por esa orde. ‘Gañou’ seis veces os terceiros, a metade dos que se levan disputados ata o momento, e cinco os iniciais. Iso non se traduciu na táboa clasificatoria, porque eses éxitos tanxenciais só acarrexaron un triunfo final, o da terceira xornada perante o Canoe. Nese encontro o Arxil tamén estivo peor có seu rival no segundo período. Nin ese día lle deixou vivir en paz.

Tampouco lle foi moi ben, polo de agora, o cuarto cuarto. Impúxose en dous dos doce e empatou unicamente un.

Máis dun tercio dos períodos gañados

A bagaxe dos parciais verdes é pouco favorable para os seus intereses. Polo de agora, o colectivo lerezano leva disputados doce partidos, isto é, 36 cuartos. Deles, venceu en trece (algo máis dun tercio), igualou en tres (un segundo, un terceiro e un cuarto, o 8,5 por cento) e perdeu os outros 20, que veñen ser case o 55 por cento do total.

Ese dato revela que o Arxil é un pechacancelas competitivo, malia só contar cun triunfo, pero tamén que competir e estar dentro do partido non lle abonda, polo de agora, para ir acumulando vitorias.

Un +12 como tope

Deses 36 períodos de dez minutos que leva xogados ata agora, o máis produtivo para as mulleres de Marita Janeiro foi o terceiro contra o Zamora, no que lle fixo un parcial de 19-7 ás castelás. O peor, no entanto, foi o cuarto contra o Leganés, no primeiro enfrontamento do campionato, no que as madrileñas lle fixeron un 13-30 que impediu a sorpresa.

O Arxil só encadeou dous cuartos gañados nun partido: foron o terceiro e cuarto contraLa Cordà Paterna, que a piques estiveron de facerlle remontar.