A VIII edición do EncestaRías leva o Unicaja, o Monbus Obradoiro, o Río Breogán e o Benfica ao Municipal esta fin de semana ▶ A venda de entradas supera o ritmo de anos anteriores
Pontevedra adquirirá sabor a ACB a próxima fin de semana coa celebración da VIII edición do torneo EncestaRías. O evento, desprazado ao Municipal de Pontevedra debido ás obras que se levan a cabo no seu espazo habitual, o Municipal de Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa, contará cun cartel excepcional, que foi presentado onte ao mediodía na rúa Daniel de la Sota.
O Unicaja de Málaga, sen os seus dous bases (Alberto Díaz e Kendrick Perry, ámbolos dous internacionais e xogando o Mundobasquet de Asia) será o equipo estrela desta edición. Os malagueños venceron a Copa do Rei 2023 e foron semifinalistas da Eurocup e a Liga Endesa. Tamén estarán os dous conxuntos galegos, o Monbús Obradoiro (non terá os dous xogadores dominicanos mundialistas, Howard e Mendoza) e o Río Breogán, que competirá esta campaña na Basketball Champions League da FIBA. A eles hai que agregarlle o campión de Portugal, o Benfica, unha escadra que «seguro que vai sorprender», segundo as verbas dos organizadores.
O evento, conducido polo xornalista Terio Carrera, contou coa presenza dos membros da Asociación Encestarías, Diego Doval e Iván Villar.
Doval lembrou que o ritmo de venda de entradas está a superar o de edicións anteriores e agarda que o Municipal de Pontevedra ofreza un grande aspecto para os encontros.
«É un torneo ACB. E esa é unha etiqueta moi grande«, expresou o vilagarcián, que considerou que o Pavillón Municipal ofrece un salto de calidade con respecto ao de Fontecarmoa, canto a aforo e tamén ubicación xeográfica e estratéxica.
O torneo será retransmitido por streaming a través da páxina de Youtube de EncestaRías e ademais será proxectado pola páxina da ACB. O certame principiará sábado ás 18:00 horas coa disputa do Benfica – Breogán, na que será a primeira semifinal. O segundo enfrontamento será o que medirá o Unicaja e o Monbus Obradoiro, ás 20:15 ese mesmo día.
O calendario repetirase o domingo: ás 18:00 horas levarase a cabo a disputa do partido entre os perdedores das semifinais e a partir das 20:15 será a gran final.
Grandes xogadores e grandes nomes pasaron ata agora polo torneo, como Shane Larkin, Facu Campazzo, Shannon Evans, Kevin Pangos, Juancho Hernángomez, Dzanan Musa, Darío Brizuela, Rodrigue Beaubois, Dragan Bender, Andrea Bargnani, Pau Ribas, Luke Simma ou Markus Erikson,
Os gañadores do torneo ata agora foron Gran Canaria (2015), Ucam Murcia (2016 e 2018), Burgos (2017), Betis (2019), Joventut (2021) e Obradoiro (2022). Os MVPs desas edicións, por orde cronolóxica, foron Kevin Pangos, Ovie Soko, Álex Barrera, Dejan Todorovic, KC Rivers, Vladimir Broziansky e Leo Westermann.
Homenaxe a Maite Méndez
Os membros de EncestaRías quixeron recoñecer o papel que tivo o baloncesto pontevedrés na acollida do torneo. Particularmente puxeron en valor a forza realizada polo CB Arxil para que o Encestarrías recalase á beira do Lérez.
Lino Vázquez e Maite Méndez estiveron na presentación e a adestradora arxilista foi obxecto dunha pequena homenaxe e recoñecemento pola súa traxectoria na entidade verde e o seu traballo polo baloncesto. Recibiu un ramo de flores de parte da organización.
Outras persoas do mundo do baloncesto local como Pablo Míguez ou Araceli Dobarro, ademais de público en xeral, acercáronse ao lugar da presentación, na que non faltaron as autoridades das tres institucións.
O delegado provincial de Deportes da xunta de Galicia, Daniel Benavides; o presidente da Deputación Provincial, Luis López; o vicepresidente do órgano, Rafael Domóinguez; a concelleira de Deporte de Pontevedra, Anabel Gulías, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que lembrou a compatibilidade do evento coa Feira Franca, representaron as institucións na presentación de onte, dirixida polo xornalista Terio Carrera.
Tamén participou Enrique Figueroa, xerente de Mourente Motor, empresa patrocinadora.