O club comeza a temporada cun plantel con poucos cambios que pretende aproveitar a estabilidade para mellorar o seu rendemento ► A baixa de Carla Fernández e a aínda non confirmada de María Lago, principais novidades

Remataron as probas. O CB Arxil principia a temporada 2023-24 de baloncesto con mentalidade ambiciosa e cun proxecto continuísta.

O conxunto verde seguirá un curso máis preparado por Maite Méndez, secundada porMarita Janeiro no banco.

O plantel pontevedrés vive unha das súas paradoxas máis grandes dos últimos tempos: é un bloque que conseguíu estabilidade, no que só se produciu unha fichaxe, pero que non poderá contar previsiblemente coas dúas xogadoras que máis tempo levaban baixo a disciplina do colectivo, máis relevantes dos tempos recentes e unhas das máis importantes da historia do club: Carla Fernández non vestirá a elástica verde e María Lago, de entrada, tampouco.

No caso da porriñesa, a situación non é definitiva. Despois dun curso pasado complicado por mor dos problemas físicos derivados da rotura do tendón de Aquiles que se produciu na fase de ascenso de 2021, Lago decidiu descansar no verán. Agora o club verde ten a intención de recuperala e non a dá por descartada. As próximas xornadas poderían ser decisivas para saber se finalmente segue vestindo a elástica do Arxil.

A que non seguirá con total seguridade será Carla Fernández, cuxa lesión no xeonllo limitou a súa participación na campaña pasada e ten moito que ver coa súa decisión de colgar os tenis.

De cara á nova campaña, Maite Méndez anticipa un inicio complexo, en base a un traballo de pretemporada máis paseniño e centrado en explotar talentos e fortalezas individuais.

LESIÓN. O primeiro contratempo chegou antes do previsto, coa lesión da base Carolina Bernardeco no torneo amigable de Cambados de hai unha semana. Na posición de creadora, o club fíxose cos servizos dunha prometedora xogadora, Marta Fernández Muñoz. É a única incorporación e terá a responsabilidade de suplir a lusa na súa ausencia.

As demais serán as mesmas caras do pasado exercicio, coa nova capitá, Cristina Díaz-Pache, á cabeza. Xunto con ela, seguirá a estranxeira con máis cursos consecutivos de verde, Heather Forster. E á súa beira unha das interiores máis relevantes da competición, Nerea Liste: un luxo para o Arxil. Con ese triplete que combina veteranía, xuventude, intelixencia e talento, o equipo pontevedrés forma un dos mellores xogos interiores da liga.

Este ano agárdase un pequeno salto de calidade en algunhas xogadoras da liña exterior, na que será a segunda campaña de Andrea Glomazic e da internacional macedonia Nena Trajckevska, xa coñecedoras do equipo, da adestradora e que van collendo o pouso da liga. Ao seu lado, afianzada e cun rol importante e estable, outra das clásicas do equipo, Marga Moreira. A liña exterior péchase coa participación das dúas escoltas, Aldara Vázquez, toda a vida dentro do club e alternando o primeiro e o segundo plantel, e Míriam García, que asume a licenza do primeiro conxunto en exclusiva e abandona a alternancia co Mafari.

A meta é competir nunha liga na que se produciron cambios con respecto ao curso anterior, cunha estraña división na que catro cadros cataláns se incorporan ao sector A, no que tamén competirán as escadras canarias e as castelás, ademais do Miralvalle de Plasencia. As cacereñas serán o primeiro adversario en visitar o CGTD. Son unhas das candidatas a pelexar polo ascenso, dentro dunha competición con moitas incógnitas.

Fuente: DIARIO DE PONTEVEDRA