Saída complicada para o Club Baloncesto Arxil esta fin de semana que se desprazaron ao País Vasco para enfrontarse ás terceiras clasificadas da liga Feminina 2, o GDKO Ibaizábal. Aínda que o primeiro acto leváronllo as de Pontevedra, nada puideron facer ante o seu rival que se mostrou máis forte ata que soou a bucina e acabou levándose o encontro cun contundente 79-49.

O duelo empezou ben para o Arxil, que comezou anotando o seu primeiro ataque cun lanzamento de tres por parte de Carla Fernández. O Ibaizábal respondía poñéndose por diante no marcador (5-3) despois dunha perda de balón de Cristina Díaz, pero as verdes non viñeron abaixo e responderon logrando a súa maior vantaxe do encontro (9-14), que se reduciu en catro puntos antes de comezar o segundo acto.

A partir de aí todo cambiou. As vascas non só igualaron a contenda senón que aumentaron a súa vantaxe para chegar ao descanso, xa que o Arxil só foi capaz de anotar 9 puntos fronte aos 31 do seu rival (43-25).

Coa vitoria practicamente asegurada, o Ibaizábal continuou aumentando a diferenza da man de Koskimies (26 puntos) que impediu que as verdes se atopasen cómodas. A pesar diso, tentaron ofrecer o seu mellor xogo con Puchetti e Díaz liderando pero non foron capaces de reaccionar e as vascas terminaron sentenciando o choque cun resultado de 79-49).

Consulta as estatísticas do GDKO Ibaizábal-Club Baloncesto Arxil na seguinte ligazón.

FUENTE: PONTEVEDRAVIVA.COM