Nunha temporada atípica, con grandes condicionantes extradeportivos, o Arxil, adestrado por Maite Méndez, busca o triunfo no derbi contra o Cortegada do próximo sábado para espantar a pantasma do descenso e afastarse dos últimos lugares da clasificación.

Decepcionada con algúns aspectos non estrictamente deportivos que están a ser unha mochila pesada para o Arxil, confiada na capacidade de mellora do seu equipo e intentando restar dramatismo ao que falta de campionato, a adestradora Maite Méndez analiza o que vai de temporada e o que vén, principiando polo derbi contra o Cortegada en Vilagarcía. 

Como denominaría o partido da fin de semana? Chega á categoría de final? 
Cada partido é decisivo e pode ser moi relevante para permitirnos abandonar os postos de abaixo da táboa. Cada partido é un libro por escribir. 

Que encontro lle convén ao Arxil? 
Esta temporada os dous equipos demos a cara e a cruz nos nosos enfrontamentos. En Copa gañamos con facilidade, pero en liga foron elas as que se impuxeron con claridade. En calquera liga, coa cantidade de partidos que se disputan, sempre hai moitas diferenzas entre uns encontros e outros. Cada un é un mundo diferente ao anterior, e máis cos condicionantes aos que estamos expostos tódolos equipos. Obviamente gustaríame un partido cómodo, no que marcasemos diferenza desde o principio. Pero non creo que vaia darse. 

Que ten que facer o seu equipo para que suceda iso? 
Hai que facer un xogo do mesmo nivel ddefensivo dos últimos encontros. Temos que estar moito máis centradas ata o final que en outras ocasións, lograr un encontro sen lagoas no xogo. Debemos mentalizarnos de que temos que xogar para gañar. En moitos outros casos, cando se nos van no marcador e recuperamos, non temos convición de que podemos vencer e cometemos erros que nos condicionan á hora do resultado final: erros de ansiedade e precipitación que nos levan a non materializar a vitoria. Por iso este duelo temos que afrontalo sen ansiedade, traballando desde o primeiro minuto ata o último e sendo conscientes de que todo pode pasar. 

Ata agora gañaron case tódolos partidos contra equipos de abaixo. O Cortegada é un rival desa liga. Iso dalles confianza? 
Non. Este ano a clasificación é irreal. Hai equipos de abaixo que perdemos por pouca diferenza moitos partidos e que sufrimos algún condicionante externo non inherente a nós. Ao mellor, con dúas vitorias máis estaríamos na metade da táboa. Penso que todos temos potencial. Cortegada tamén o ten. Pero non nos saíron as cousas. No noso caso, contra os da parte alta da táboa faltounos control de ansiedade e o acerto na materialización de algunha canastra final. Mesmo houbo mala sorte. Motivámonos contra os que van da metade para arriba. Pero tamén é unha motivación para nós este partido ou os de Canarias. Tódalas vitoras valen o mesmo, por iso temos que mellorar nesa ansiedade para ser máis efectivas. Fáltanos un partido completo de todo o equipo para crer en nós. 

FUENTE: DIARIO DE PONTEVEDRA