Demostra a madurez dunha veterá e a implicación dunha canteirá con só 19 anos e na súa segunda temporada co Club Baloncesto Arxil. Nerea Liste é un dos elementos esenciais que está a permitirlle ao cadro verde pelexar polos postos nobre da clasificación de Liga Femenina Dos.

A pivote santiaguesa obtivo o premio individual a unha temporada notable coa nominación á MVP da vixésima xornada, no partido contra o Gardenstore Sevilla que o seu conxunto venceu con autoridade (64-52).

Liste sumou 20 puntos e capturou 15 rebotes para un total de 33 créditos de valoración. Encestou 8 lanzamentos de 12 de dous puntos, meteu a tripla que intentou e tamén o tiro libre do que dispuxo, ademais de forzar tres faltas persoais e dar dúas asistencias.

A actuación non é unha excepción nesta temporada. Máis ben é a guinda a un pastel de regularidade que coloca a Liste entre as mellores da Liga. É a terceira máis valorada da competición, con 16,61 unidades por partido, só superada por Wanyama, do Mariscos Antón Cortegada, e de Sedlakova, do líder, Tirso Incentro. É a sexta xogadora que máis capturas recolle por enfrontamento (8,11) e a terceira en porcentaxe de tiros de campo.

«Me tomo el MVP como una motivación y un plus para seguir trabajando, porque lo más importante es siempre el equipo y ganar»

NEREA LISTE

No tocante á súa nominación como mellor xogadora da xornada, Liste amosouse moi «orgullosa y muy contenta. Me lo tomo como una motivación y un plus para seguir trabajando, porque lo más importante siempre es el equipo y ganar», explicou a xogadora interior da escadra verde, que se amosou ambiciosa e humilde «sé que necesito mejorar mucho más».

A primeira sorprendida polo seu crecemento deportivo é ela mesma. «No esperaba ofrecer este rendimiento, porque soy todavía una jugadora muy joven, de 19 años, frente a rivales de mayor experiencia y consolidadas. Me siento como una más de la liga, ya con cierta importancia».

Liste fai unha grande achega baixo os aros, interpreta moi ben o xogo sen balón e pode xogar ao lado doutra 5 como Heather Forster ou cunha catro como Cristina Díaz-Pache ao seu carón. Iso si, sabe que debe mellorar o rango de tiro. «Estoy trabajando mucho en el lanzamiento exterior, con la ayuda de Magín Méndez. Es algo en lo que me insiste Maite (Méndez, a adestradora verde). He metido mi segundo triple de la liga ante el Sevilla. Eso me puede ayudar a mejorar. Y en ese sentido, también quiero aprender a jugar más abierta y no tanto en la zona. Eso me puede llevar a ser mejor jugadora, más versátil».

Iso permitiríalle ser unha ameaza inexcrutable para as rivais. Unha arma letal nun momento chave do curso como o que vive o Arxil, na loita polo play-off.