O Club Baloncesto Arxil despediuse da tempada ante a súa afección con derrota por 45-62 fronte o Ardoi, que xogará a fase de ascenso. Coa permanencia salvada na pasada xornada, o equipo pontevedrés foi a remolque durante todo o encontro e aproveitou o final ligueiro para homenaxear á súa capitá, María Lago, que segue lesionada. 

Empezou o partido igualado, cun Arxil que mostrou unha boa imaxe ofensiva pero viuse superado en defensa polos erros puntuais que deron unha mínima vantaxe ás visitantes (11-12).

Foi mellor o Ardoi ao comezo do segundo cuarto, anotando un 2-9 que obrigaba ás verdes a reaccionar. Nese momento apareceron Forster e Sara Castro, que reduciron a renda en ata dous puntos. Con todo, tres faltas consecutivas do Arxil deron unha nova vantaxe ao Ardoi, moi acertado desde os tiros libres (20-27).

Tras o paso polos vestiarios saíron conectadas as xogadoras de Mayte Méndez, ou iso pareceu durante os primeiros instantes onde chegaron a colocarse a tres puntos do empate. Empezou a atoparse incómodo o Arxil, que nun visto e non visto atopouse cun parcial en contra de 0-10 que obrigou á adestradora local a pedir tempo morto pero sen dar coa tecla que revertese a situación antes de alcanzar o último acto (29-45).

Con todo case decidido, o Arxil non baixou a intensidade aínda que cedeu o cuarto acto para terminar perdendo no último partido da tempada cun claro 45-62.

Consulta as estatísticas do Club Baloncesto Arxil- Ardoi

FONTE: PONTEVEDRAVIVA.COM