Cos peores resultados dos últimos anos e empolicadas ao último posto da clasificación, as de Mayte Méndez medíronse esta fin de semana ao Club Baloncesto Aros nun choque que tampouco trouxo boas noticias. Coa derrota ante o cadro leonés, o Arxil xa suma a quinta en cinco xornadas.
A pesar de todo, o encontro comezou dominado pola igualdade. Tanto foi así que o primeiro cuarto finalizou cun 18-18 no marcador. As pontevedresas entraron na pista coa idea clara de traerse os dous puntos a casa.
Con todo, o Aros atopou maior acerto ofensivo durante os seguintes 10 minutos. Aínda estando moi igualado o xogo, foron as locais as que marcharon ao descanso cunha vantaxe de 5 puntos (38-33). As pontevedresas, pola súa banda, mantivéronse sempre metidas no partido, pero non lograron reducir as distancias. A pesar de ir lixeiramente por detrás, aínda tiñan a posibilidade de darlle a volta ao encontro se lograban manter o tipo.
Tras o regreso dos vestiarios, o Arxil non foi o mesmo. Pode que o cansazo comezase a pasar factura ás de Méndez debido á intensidade dos primeiros 20 minutos. Importantes erros en ataque e un frouxísimo bloque defensivo asinaron a sentenza das visitantes, que deixaron escapar o partido cando tiñan todo da súa parte. Así, ao termo do terceiro parcial o Aros sacáballes xa unha vantaxe de 17 puntos (57-40).
O cuarto final, máis do mesmo. O choque xa estaba perdido e as pontevedresas non conseguiron alcanzar ás locais no marcador. Desta maneira, o Arxil regresa a casa co peor sabor de boca e, polo menos polo momento, cun pé no descenso.
Consulta as estatísticas do CB Aros-CB Arxil.
FUENTE Y FOTO: PONTEVEDRAVIVA.COM