O mal momento do Club Baloncesto Arxil parece non ter fin. O conxunto pontevedrés encaixou este sábado a súa cuarta derrota consecutiva na Liga Feminina 2 e métese nunha lea clasificatoria, ao non conseguir escapar dos últimos postos.

Nesta ocasión o conxunto verde viuse superado con claridade na súa pista fronte o Barakaldo (55-74) nun duelo no que se viu desbordado polo ataque vasco e en especial pola nixeriana Ijeoma Uchendu, que logrou 24 puntos, 10 rebotes e un 22 de valoración.

O certo é que o Arxil foi a remolque en todo momento, xa desde o primeiro cuarto do encontro (10-15) e ao descanso a renda empezaba xa a ser considerable (21-34).

Facíase necesaria unha reacción, pero non só non chegou no terceiro cuarto senón que o Barakaldo sentenciou a contenda cun gran acerto ofensivo (34-59).

Xa con todo decidido, o último parcial si foi arxilista, cun rival que baixou a súa intensidade pero que non viu perigar en ningún momento o triunfo.

Tras esta derrota o Arxil mantense na décima posición cun  balnace de 2 partidos gañados e 7 perdidos.

Consulta as estatísticas do CB Arxil-Barakaldo EST.