O Centro Galego de Tecnificación Deportiva abriuse, por segunda fin de semana consecutiva, para celebrar o encontro decisivo para a permanencia do Arxil en Liga 2. O club pontevedrés, que viña de superar ao Pozuelo, aproveitou o factor cancha e o apoio da súa afección para vencer ao Avilés por 67-52.

Durante o inicio do encontro a igualdade mantívose. Comezaron encestando as asturianas, e o Arxil respondeu da mesma maneira con canastra de Forster, protagonista durante os primeiros minutos anotando 6 dos 8 puntos das locais (8-4). O Avilés conseguiu responder e dar a volta ao marcador para poñerse con tan só un punto de diferenza, que enseguida foi respondido polas verdes para chegar ao final do primeiro cuarto co marcador a favor (19-16).

No segundo, o Arxil pisou o acelerador. María Lago anotou desde a liña de tres e puxo ás súas coa maior vantaxe ata o momento, que se ampliou cando se chegaba ao ecuador (36-20). Con todo, a pesar da vantaxe, os últimos minutos antes de chegar ao descanso foron malos para as locais, que anotaron só 2 puntos e viron como o seu rival recortaba distancias (38-28).

O intermedio non sentou moi ben ás de Mayte Méndez, que xogaron o seu peor cuarto e permitiron ao Avilés meterse no partido antes de chegar aos últimos 10 minutos de encontro nos que calquera podía levar o partido (51-43).

O Arxil sabía o moito que se xogaba e saíu a por todas. A bancada estaba envorcada en apoiar ás xogadoras, e estas souberon responder. María Lago con 17 puntos, e Carla Fernández con 16, foron as encargadas de levar ao seu equipo cara á prezada vitoria e con ela, saír dos postos de descenso.

Consulta as estatísticas do CB Arxil-Avilés na seguinte ligazón.

FUENTE: PONTEVEDRAVIVA.COM