Tras as vacacións de Nadal, o Club Baloncesto Arxil volveu á cancha do CGTD para disputar, este sábado, as ‘vodas de prata’ do Trofeo Cidade de Pontevedra. O seu rival foi o Carmelitas de Ourense, equipo de Primeira Nacional, que nada puido facer fronte ás de Liga 2, moi superiores durante todo o encontro.

O partido comezou coas de Mayte Méndez moi metidas no partido realizando unha defensa impenetrable que deixaba practicamente sen opcións ás de Ourense. Aos dous minutos de partido, o adestrador visitante xa pedía tempo morto ante a pouca efectividade das súas. Ás verdes saíanlles as cousas e endosaban un parcial de 22-2 co que se chegaba ao final do primeiro cuarto. 

Empezaba o segundo e Rosendal inaugurábao cun tiro desde a liña de tres, que automaticamente era respondido con dous triplos por parte das de branco, que realizaban o seu mellor cuarto cun parcial de 13-10. para chegar ao descanso cun resultado de 35-12.

Despois do intermedio, o Arxil regresaba á cancha para sentenciar. Lideradas por unhas maxistrales María Lago (17 puntos) e Forster (máxima anotadora do partido con 18 puntos), que practicamente facían o que querían tanto en defensa como en ataque, as de Pontevedra tan só cedían 6 puntos ao Carmelitas, chegando ao final do terceiro cuarto cun contundente 61-18.

Xa nos últimos 10 minutos, as de Mayte Méndez baixaron a intensidade, oportunidade que aproveitaron as de Ourense para reducir a diferenza no marcador que finalmente quedou pechado nun 75-32.

A próxima semana, o Arxil desprazarase a Madrid para disputar o último partido da primeira volta no que se enfrontará ao Leganés.