Despois de tres derrotas consecutivas, dúas delas amplas, o CB Arxil recibiu este sábado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao recentemente descendido Baxi Ferrol, rival complicado situado no terceiro posto da clasificación. 

As de Mayte Méndez empezaron ben o partido, manténdose por diante no marcador ata o minuto seis do primeiro cuarto (9-6), momento no que as ferrolás se empezaron a facer co dominio e impoñer o seu xogo con lanzamentos desde a liña de 6,75 para chegar ao final do primeiro cuarto cunha lixeira vantaxe (21-27).

O segundo cuarto seguiu a liña do primeiro. O Arxil recortaba distancias e colocábase a tan só dous puntos (28-30) pero a falta de 5 minutos para que se chegase ao descanso, o Ferrol fíxose de novo coa iniciativa do xogo para chegar a mandar no marcador cun contundente 35-56.

A partir dese momento, xa nada máis puideron facer as verdes que vían como o seu rival facíase con todos os rebotes e seguían mandando no marcador antes de alcanzar a recta final do partido (48-81).

Cunha diferenza de +33 puntos en contra e todo costa arriba, ao Arxil só quedaba tentar maquillar o marcador cos tiros de Carla Fernández (28 puntos) e así tentar que o resultado final non fóra tan avultado.

Finalmente, o Arxil caeu de maneira clara cun contundente 67-113 e suma a súa cuarta derrota consecutiva.

A próxima xornada, as de Mayte Méndez viaxarán a Madrid para enfrontarse ao Real Canoe, cuarto clasificado con 7 vitorias e 3 derrotas.

Consulta as estatísticas do CB Arxil-Baxi Ferrol na seguinte ligazón.

Fonte: Pontevedraviva.com