O derbi entre Arxil e Celta tivo pouca historia, ou mellor dito, tívoa concentrada en dúas claves: igualdade en tres cuartos do partido e desequilibrio absoluto no segundo, no que as vigueses forxaron unha contundente vitoria que non reflicte precisamente esa paridade de forzas entre ambos os equipos.
A terceira das claves estivo na sensacional actuación dunha exarxilista como Minata Keita que estivo espectacular fronte ás súas antigas compañeiras, asinando un cartón con 24 puntos, 15 rebotes, 1 asistencia, 5 balóns roubados e 3 tapóns, para un 44 de valoración final.
Fronte a ela, de pouco serviu a achega de Arantxa Mallou, a mellor do seu equipo con 17 puntos, 4 rebotes, 2 asistencias e nada menos que 10 faltas recibidas (26 de valoración), pero a quen unicamente secundou no seu rendemento María Lago (12 puntos), lastrado o equipo pola escasa achega do resto de xogadoras, nun conxunto o de Mayte Méndez no que nada menos que 4 dos seus nove compoñentes asinaron díxitos negativos en valoración.
A igualdade nos primeiros 10 minutos (14-16), deu paso a un segundo cuarto no que o Celta foi unha apisoadora para un Arxil desbordado en todas as facetas do xogo, pero especialmente na loita baixo taboleiros, na que as viguesas capturaron nada menos que 38 rebotes, por só 21 das locais.
O 10-28 logrado no segundo parcial mandaba aos equipos ao descanso cun 24-44 que pesou como unha laxa no resto do partido.
A segunda parte foi case un trámite. Volveu a igualdade nos parciais (15-12 e 14-16), pero o Celta xa fixera o traballo antes e levou con xustiza os puntos (53-72).