A derrota do venres e con iso, a obrigación de reencontrarse coa vitoria, fixo que o Arxil deixase ao carón o cansazo acumulado de disputar dous partidos en menos de tres días para saír a por todas no duelo deste domingo fronte ao Adareva. Aínda que foi o equipo pontevedrés o que tivo o dominio no marcador desde o asubío inicial, no último cuarto o Adareva conseguiu dar a volta ao resultado para poñerse por diante e facer perigar o partido do Arxil. Con todo, Forster saíu ao rescate no último minuto para devolver a vantaxe ao Arxil e sentenciar o encontro en 68-70.

O xogo interior buscando a Forster e os tiros de tres de Natalia López lideraron ao equipo verde durante o primeiro acto. Con seis puntos cada unha, colocaron ao Arxil cunha pequena, aínda que valiosa vantaxe, para afrontar un duelo que se ía a decidir nos instantes finais (11-16).

Reduciu distancias o Adareva ata colocarse a un punto do equipo pontevedrés, que comezou a cometer erros non forzados ao precipitarse nos seus lanzamentos e pases cedendo un parcial de 14-10 (25-26). Nese momento apareceu a capitá María Lago, que encestó un triplo co que devolveu a confianza ao seu equipo. Xa nos minutos finais, o Arxil pisou o acelerador para facerse cos rebotes e aumentar a renda ata os sete puntos, maior vantaxe lograda ata o momento e coa que se alcanzou o descanso (27-34).

Despois do intermedio saíu mellor o Arxil que, con Natalia López e María Lago moi activas en ataque, anotaron un parcial de 0-5 que deixaba tocado ao seu rival (27-39). Nese momento o equipo pontevedrés volveu cometer erros en ataque que foron aproveitados polo Adareva para recortar diferenzas e apertar a un Arxil que comezaba a notar a carga de disputar dous partidos en menos de tres días. Ao cansazo físico sumóuselle que tiveron que despedir da cancha a María Lago (16 puntos) por problemas na súa perna esquerda. Xa no último minuto, e coa igualdade servida, unha mala defensa arxilista permitiu ao equipo local anotar un triplo sobre a bucina e chegar ao último acto con todo por decidir (53-56).

A tensión estaba servida cos últimos 10 minutos por disputarse. A igualdade foi a tónica nese momento, con cada equipo tentando aproveitar os erros rivais para salvar unha vitoria. O equipo tinerfeño apertou para darlle a volta ao marcador por primeira vez no partido, pero o Arxil sabía que non podía tirar pola borda todo polo que loitara ata o momento (68-67). Forster volveu poñer por diante ás súas cun triplo co que sentenciou o encontro (68-70).

Con este resultado o Arxil regresa a Pontevedra con bo sabor de boca a pesar de perder no partido do venres ante o Maget Tías.

Consulta as estatísticas do Adareva-Arxil