Primeiro partido do ano para o Club Baloncesto Arxil diante da súa afección. O CGTD volveu abrirse para recibir ao Maristas Coruña no que sería o penúltimo derbi como local para as de Pontevedra. Despois de caer nos dous últimos encontros a pesar de mostrar unha moi boa imaxe, ás de Mayte Méndez non quedaba outra que seguir na mesma liña se querían reencontrarse coa vitoria en liga. Dito e feito. Aínda que a igualdade marcou o duelo da tarde do sábado, as de Pontevedra logaron facerse co dominio nos últimos minutos de xogo para finalmente gañar e escalar posicións na clasificación.
Empezaron moi agresivas as de Mayte Méndez, roubando balóns en defensa e transformándoos en puntos ao seu favor para poñerse cun pequeno colchón de sete puntos. Alcanzábanse os primeiros 5 minutos de encontro e o Maristas reaccionou para, non só igualar, senón dar a volta ao marcador. Desta maneira e estando máis acertado que o Arxil de fronte ao aro e na recollida de rebotes, pisaron o acelerador para chegar ao final do primeiro cuarto con vantaxe (14-18).
Non tardou Mayte Méndez en pedir tempo morto no segundo acto. Pasaban case dous minutos cando a técnica local paraba o cronómetro ao ver que as súas seguían sen reaccionar e encaixaban catro puntos máis (14-22). Daba coa tecla a técnica local e, con Noelia Masía, María Lago e Ndoye botándose ao equipo ás costas, o Arxil xogou os seus mellores minutos para deleitar á súa afección cunha remontada (37-32).
Dous triplos do Maristas tras o descanso volvía poñer na cabeza, dando paso ao cuarto de maior igualdade dos disputados ata o momento onde cada canastra anotada polas locais era respondida polo rival, chegando aos últimos 10 minutos con todo por decidir (52-52).
As de Coruña facían dano cos seus triplos, mentres que o Arxil buscaba en María Lago a súa arma para facerse coa vitoria. Continuaba o empate no marcador ata que as locais reaccionaron de maneira maxistral e prepararon o seu mellor defensa cando máis o necesitaban, facéndose cunha pequena vantaxe no marcador de 6 puntos. O colchón fíxose máis grande nos últimos instantes, cun Maristas que fallaba de fronte ao aro e con Forster recollendo os rebotes para matar o partido. Con 11 puntos de vantaxe pecharon o partido e reencontráronse cunha vitoria moi valiosa (72-61).
Consulta as estatísticas do CB Arxil-Maristas Coruña
FUENTE: PONTEVEDRAVIVA.COM