Non está a ser a pretempada desexada polo corpo técnico do Club Baloncesto Arxil, e non polos resultados.

A pesar das derrotas encaixadas na Copa Galicia o club pontevedrés está satisfeito co rendemento das xogadoras e a imaxe ofrecida, pero preocupa a falta de efectivos por culpa das lesións, ao que se suma a ausencia dun das dúas fichaxes do verán, Tatiana Mosquera.

A pivote colombiana segue no seu país á espera de obter o permiso para viaxar a España, o que se atrasou por problemas burocráticos. Con todo empézase a ver a luz ao final do túnel e desde a entidade verde confían na súa chegada a finais de semana.

O obxectivo pasa por poder contar con Tatiana polo menos durante a última semana da pretempada, e que así poida estrearse xunto ás súas compañeiras no debut ligueiro do próximo 30 de setembro ante o Segle XXI catalán.

Outro asunto son as lesións, en especial a de Ana Martín, que todo apunta perderase as primeiras xornadas de competición na Liga Feminina 2.

Si espera o Arxil poder contar con Carla Fernández, con molestias durante a última semana que lle obrigaron a perderse o último partido de Copa Galicia, e María González Centeno, que empeza a deixar atrás os seus problemas físicos e afánase en coller ritmo competitivo.

O último test para o equipo adestrado por Mayte Méndez será o amigable que se celebrará o vindeiro sábado 23 de setembro no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva ante o Maristas coruñés.