O Arxil non puido facer nada este sábado para evitar a súa derrota fronte ao Miralvalle no seu desprazamento á cidade estremeña de Plasencia. As verdes só foron capaces de manter o pulso ás locais no segundo cuarto, cando a renda local era xa decisiva. As forzas falláronlle nos períodos posteriores e os ánimos decaeron á mesma velocidade que se incrementaba a renda das cacereñas.

Chegou tarde o equipo pontevedrés ao encontro, que foi incapaz de igualar o ritmo anotador e a intensidade defensiva do Miravalle no primeiro cuarto. Cando se deron conta, ao termo do primeiro cuarto, perdían xa por 12 puntos.

As de Mayte Méndez sacaron todo o seu carácter no segundo período para igualar a contenda a falta de pouco máis de dous minutos para o descanso. Tempo suficiente para un novo apagamento das visitantes que o acabaría condenando finalmente á derrota. A inspiración das plasentinas neste tramo final da primeira parte permitiulles recuperar os doce puntos de vantaxe. (38-26).

Logo do paso por vestiarios, o Arxil non volveu dar sinais de vida e as locais foron gañando confianza no seu xogo e ampliando a súa vantaxe minuto a minuto. Con 18 puntos de vantaxe pecharon o terceiro cuarto, unha renda que puideron manter ata o final do partido para asestar unha nova derrota a domicilio para o conxunto pontevedrés.

Consulta nesta ligazón todas as estatísticas do partido