Trámite superado. O Club Baloncesto Arxil, agora si, está en condicións de estrear a tempada na Liga Feminina 2, despois do aprazamento da primeira xornada polo atraso no envío de test de COVID aos clubs.

O conxunto pontevedrés someteuse este mércores ao citados test e probas serolóxicas para descartar contaxios entre xogadoras e corpo técnico.

A boa noticia para as verdes é que o resultado foi satisfactorio ao non detectarse ningún positivo.

O club recibiu estes resultados a última hora da xornada, e agora está á espera de que o seu próximo rival, o Maristas Coruña, informe da súa situación. No caso do cadro coruñés as probas realizaranse este xoves xa que o mércores era día festivo na cidade herculina.

De non contar con positivos, a segunda xornada da Liga Feminina 2 poderá xogarse cun partido fixado para as 20.30 horas do sábado 10 de outubro no pavillón do colexio Maristas.

Segundo establece o protocolo elaborado pola Federación Española de Baloncesto, os equipos da categoría deberán someterse semanalmente a test de detección de COVID, debendo suspenderse un encontro no caso de contar con máis de dous positivos entre xogadoras e corpo técnico dun equipo.