Bo partido o disputado polo Arxil esta fin de semana ante o Añares Rioja co que lograron a súa terceira vitoria esta tempada. As de Mayte Méndez viñan de perder dous partidos consecutivos e regresaron ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva coa vista posta en deixar os puntos en casa.

O partido comezou con claro dominio do Arxil, que se mantivo durante o primeiro cuarto por diante no marcador logrando incluso unha vantaxe de 10 sobre o seu rival (17-7) pero, ao final do cuarto, as de Rioja reaccionaron para recortar a distancia a tan só 5 puntos (18-13).

O segundo cuarto empezou igual para as pontevedresas onde dominaron de maneira clara durante os primeiros 5 minutos (29-18) pero o partido deu un xiro e o Arxil empezou a perder balóns e a fallar os lanzamentos, mentres que o Añares encestaba todo o que tiña e volvía achegarse no marcador (40-34).

Despois do descanso, as de verde volveron dominar conseguindo afastarse en 9 puntos grazas á actuación de Carla Fernández que levaba 21 puntos ata o momento. Cando parecía que o Arxil tiña máis confianza, o conxunto da Rioja reaccionou. Quedaban 3 minutos do terceiro cuarto e poñíanse por diante por primeira vez no partido, pero as de Mayte Méndez lograron empatar antes de chegar aos últimos 10 minutos (56-56).

Co partido igualado chegábase ao último cuarto e, a pesar de que as de Pontevedra empezaron indo por detrás cunha diferenza de ata 5 puntos, dúas canastras de Carla Fernández achegaban ao Arxil á vitoria que finalmente se decidiu no último minuto.

O Añares estaba un punto por encima (69-70) e cometeu unha falta antideportiva. Foi nese momento cando apareceu María Lago para anotar os dous tiros libres que lle tocaban e poñía de novo ao Arxil por diante a falta de 30 segundos para o final.

O partido non estaba decidido e as visitantes podían remontar pero fallaron as dúas ocasións das que gozaron e cometeron unha nova falta. Desde a liña de persoal, Carla Fernández anotou o primeiro pero fallou o segundo, poñendo o definitivo 72-70.

Consulta as estatísticas do Arxil-Añares Rioja.