O Arxil desprazouse esta fin de semana a León para enfrontarse ao Aros no partido correspondente á xornada 5 de Liga Feminina 2. As de Mayte Méndez estiveron a piques de empatar o partido despois de realizar un bo último cuarto, pero unha perda de balón no último segundo deu a vitoria ás locais por 60-58.

O partido comezou igualado para ambos os equipos onde non se viu clara superioridade por parte de ningún. Desta maneira, durante os primeiros minutos o partido mantivo a igualdade, destacando unicamente o final do cuarto cando as de León puxéronse cunha diferenza de catro puntos que o Arxil recortou en dous (20-18).

No segundo cuarto, a intensidade das de verde baixou e o seu rival afastouse no marcador en 9 puntos, vantaxe que foron capaces de reducir no tramo final, pouco antes de chegar ao descanso (34-29).

Despois do intermedio, o Aros foi abrindo a vantaxe conseguindo un parcial de 15 a 7 no terceiro cuarto e unha vantaxe no marcador de 13 puntos (49-36). 

Parecía que o partido estaba sentenciado a favor das locais, pero as de Pontevedra non baixaron os brazos e, sen dar o partido por perdido, recortaron distancias grazas á boa actuación de María Lago (18 puntos). 

Quedaban 42 segundos para que soase a bucina e o marcador reflectía o empate a 58. As de León volveron adiantar cun tiro de dous a falta de 8 segundos e, no contraataque que supoñía a igualada final, a veterana do Arxil, María Lago, perdeu o balón.

A pesar do bo último cuarto das de Pontevedra no que lograron un parcial de 11-22, finalmente a vitoria quedou en León, cun resultado definitivo de 60-58.

Consulta as estatísticas do CB Arxil-Aros.

Fonte: Pontevedraviva.com