Despois de sumar dúas vitorias consecutivas en casa e deixar practicamente encarrilada a salvación, o Club Baloncesto Arxil desprazouse a Madrid para enfrontarse a un duro rival, o Estudantes, líder da clasificación de Liga 2 con 16 partidos gañados e tan só unha derrota.

As de Mayte Méndez empezaron ben o encontro, competindo de ti a ti ante as madrileñas e realizando uns bos primeiros 10 minutos que lle permitiron chegar ao segundo acto cunha diferenza de 3 puntos (17-14), que aos poucos se foi ampliando a pesar da efectividade en ataque de Forster e Carla Fernández, con 10 puntos cada unha (36-29).

Tras o paso polo vestiario e co marcador en contra, o Arxil veu abaixo e realizou o seu peor cuarto, rompendo o choque definitivamente. O Estudantes saíu mellor e cun parcial de 22-11 deixou o partido encarrilado grazas á boa actuación de Jones, xogadora máis perigosa do conxunto madrileño cun total de 20 puntos (58-40).

Co partido xa decidido, as de verde continuaron pelexando ata o final pero a renda xa era insalvable e finalmente caeron por 73-50.

Con este resultado, o Arxil colócase momentaneamente no posto 10 da clasificación con 22 puntos.

Consulta as estatísticas do Estudantes-Arxil na seguinte ligazón.

Fuente: Pontevedraviva.com