O Arxil principa a temporada o próximo sábado contra o Almería no CGTD cun plantel renovado e a intención de loitar polas prazas novas da Liga Femenina Dos
O Club Baloncesto Arxil principia a Liga Femenina Dos 2022-23 o próximo sábado contra o Almería (Centro Galego de Tecnificación Deportivo de Pontevedra, 19.30 horas).
O bloque verde comeza con prudente ambición o novo curso. Despois de disputar a fase de ascenso a Liga Challenge da pasada campaña, a escadra de Maite Méndez aspira a repetir experiencia no curso presente. E para iso, reforzouse e formou un dos planteis máis profundos dos últimos tempos.
Un plantel longo con matices: as dúas capitás do bloque, Carla Fernández e María Lago, deberán agardar para debutar neste curso, debido ás graves lesións das que se están a recuperar. A base está no treito final da súa rehabilitación, mentres que Lago vai queimando etapas paseniñamente, pero aínda ten algúns meses por diante para retornar.
O club fichou en consecuencia para tapar os buracos deixados polas dúas mancadas e polas baixas do pasado curso, particularmente coas saídas de Dunja Buzadzin e de Ruth Adams e, en menos medida, de Adriana Aparicio.
O equipo pontevedrés perde potencial tralas saídas de Adams e Buzadzin, pero aumenta a profundidade de banco
De tal maneira, chegaron a Pontevedra a base lusa Carolina Bernardeco, unha xogadora non exenta de doses de tolería, pero tamén dotada de calidade no un contra un, a escolta montenegrina Andrea Glomazic e a versátil aleiro macedonia Nena Trajchevska. Tamén chega para reforzar o filial e o primeiro equipo a ala-pívot con experiencia en Liga Femenina Dos Carmen Ortiz. Catro importantes baixas que sumar a un bloque consolidado e asentado, no que Heather Forster e Nerea Liste anuncian un dúo interior de gran calidade que debe ser a referencia ofensiva do colectivo.
A escadra perde facilidade anotadora na liña exterior coa ausencia das súas dúas estrelas do pasado curso, pero gaña en xogo colectivo e orde, teoricamente.
O asunto é que non é o único conxunto que se reformou para crecer. Coa lóxica incógnita do que farán os rivais, ante a falta de información sobre o comportamento na competición das súas fichaxes e do funcionamento na liga, o Costa de Almería e o Unicaja parecen destinados a ser os rivais máis duros, novamente, despois de realizaron un curso notable en 2021-22. Logo a cancha porá no seu lugar a cada quen. A cancha, as economías e os despachos, porque as fichaxes ao longo do curso poden ser factores que cambien a dirección do vento. Non sería a primeira vez.
As longas viaxes serán duros inimigos para o equipo da cidade do Lérez. Andalucía e Canarias volverán ser destinos que deberá afrontar a escadra verde. Ademais, o BF León, o Barakaldo, o Miralvalle de Plasencia (Cáceres), o Tirso de Cantabria ou o Bonsonit de La Rioja son os outros adversarios para a escadra pontevedresa.
Fuente: Diario de Pontevedra