O Club Baloncesto Arxil conseguiu este sábado unha vitoria vital na súa loita pola permanencia en Liga Feminina 2. Aínda que as de Mayte Méndez chegaban con malas sensacións á cita co Avilés, lograron facerse cunha vitoria de ouro fronte a un rival directo.

Natalia López foi a encargada de abrir o marcador cun triplo e, aínda que non foi capaz de escaparse con claridade ata despois do descanso, o Arxil da -pista era diferente ao de ocasións anteriores. Tiñan o dominio do marcador a pesar de que o Avilés lograba responder cada ataque verde evitando que pisasen o acelerador. Foi así como, cunha diferenza de tan só punto, chegouse ao final do segundo acto (30-29).

Tras o descanso todo cambiou. Aínda que o Arxil sufriu nos primeiros minutos chegando a ir por detrás no luminoso cunha pequena diferenza de ata 3 puntos, esta vez si que foron capaces de reaccionar para aumentar a renda fronte ao seu rival (48-41).

O último cuarto seguiu a tónica do terceiro. As de Pontevedra gustábanse e aumentaron a intensidade no xogo e, con Sara Castro (17 puntos) acertada de fronte ao aro, lograron, ao fin, a súa terceira vitoria esta tempada (69-55).

Consulta as estatísticas do CB Arxil-Avilés