Nena Trajchevska e Raquel Laneiro son rivais no mesmo vestiario. A escolta portuguesa e a aleiro macedonia comparten camisola e obxectivos no CGTD, baixo a disciplina do Club Baloncesto Arxil. Pero farán unha paréntese esta semana para pelexar polas cores das súas seleccións nacionais.

Laneiro e Trajchevska estarán fronte a fronte o próximo domingo 10 de novembro. Será ás 18:00 horas, no SRC Kale de Skopje, cando as súas seleccións se medirán nun partido clasificatorio para os Eurobasket feminino de 2025 da Fiba.

Para Nena Trajchevska non será a primeira experiencia internacional co seu país. A balcánica presume dunha dilatada experiencia co seu equipo nacional. Leva disputados 20 duelos oficiais coa camisola macedonia, nas diferentes preliminares para os torneos continentais e tamén nunha fase final: debutou en 2014, cando só contaba con 20 anos de idade, na fase final do Eurobasket. Foron os primeiros catro enfrontamentos coa elástica do seu país.

Posteriormente, xogaría nas clasificatorias para o Eurobasket que arrancaban en 2017. Sumou outros catro choques. A mesma cifra de duelos serían os que afontaría na clasificación comezada en 2019.

Mentres, en 2021 foron seis as súas actuacións e nesta clasificación, que arrancou en novembro de 2023, afrontou os dous partidos que se levan xogados.

Máis de dez puntos na fase de 2019

Os topes con Macedonia do Norte foron en 2019, cando estivo en promedios por enriba dos dez puntos de anotación, catro rebotes e 6,3 créditos por enfrontamento

A súa traxectoria complétase durante a súa etapa nas categorías inferiores. Desde 2010 ata 2013 foi unha fixa nos plans dos diferentes seleccionadores nacionais, desde sub-16 ata sub-20 (conxunto co que competiu sendo aínda xogadora en idade sub-18).

Menos experiencia de Laneiro

A escolta portuguesa ten menos experiencia coa camisola do seu país cá súa compañeira de equipo. Tamén se debe a que é máis nova (23 anos, polos case 30 da súa compañeira do Arxil).

Laneiro estivo con Portugal na fase de clasificación de 2019 para o Campionato de Europa. Daquela disputara dous enfrontamentos, nos que acumulara cinco puntos e 3,5 de valoración.

Tamén competiu co equipo xuvenil luso en 2016, co que se embutiu sete veces a camisola verde e vermella.

A ausencia das dúas exteriores provocará que o Arxil adíe o partido previsto para esta fin de semana contra o Zamora. O enfrontamento terá lugar no CGTD o próximo mércores 13 ás 21:00 horas.

FUENTE: DIARIO DE PONTEVEDRA