A adestradora do CB Arxil foi despedida nunha emotiva homenaxe nun CGTD ateigado con 600 persoas. As súas xogadoras, compañeiras e familiares reivindicaron tanto a súa figura profesional como humana

Pontevedra, Marín, a comunidade escolástica, o baloncesto e o Arxil homenaxearon este luns nun sentido acto a Maite Méndez.

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva, ateigado por arredor de 600 persoas, despediu a adestradora e mestra pontevedresa falecida o pasado martes. Xogadoras, técnicas, directivas do club, afeccionados, representantes de entidades da cidade (de baloncesto e de outras modalidades) e persoas do mundo da educación e da cultura arrouparon a familia de Maite durante un longo e sentido tributo á súa carreiraprofesional, pero especialmente á súa figura humana.

Autoridades de tódalas institucións quixeron participar na cita: o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a alcaldesa de Marín, María Ramallo; o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez, ou o delegado de Deportes da Xunta por Pontevedra, Daniel Benavides, estiveron presentes nun pavillón entregado e conmovido na lembranza da adestradora pontevedresa. Tampouco faltaron persoas de outros ámbitos da sociedade e do mundo da empresa, como o director xeral de Diario de Pontevedra, Antonio de Cora García.

Claveis e rosas brancas

Cunha escena dominada por unha camisola co seu nome ás costas, a súa pizarra e un rotulador para deseñar xogadas, os presentes achegáronse para entregarlle claveis e rosas brancas, encabezados polas xogadoras e técnica do primeiro plantel do Arxil, pola presidenta e grande amiga Milagros Sanmartín e polas súas fillas, Mariña e Aldara, e seu home, Lino.

A pista mergullouse nun mar de bágoas e momentos sobrecolledores e deu a coñecer o lado máis humano e menos coñecido para a sociedade dunha técnica que foi pioneira no baloncesto pontevedrés, no desenvolvemento do deporte local. Maite foi esencial no desenvolvemento da comunidade educativa marinense desde o CEIP Carballal, na educación persoal, e tamén na humana e deportiva de milleiros de persoas.

O acto, conducido polo responsable da área de Deportes de Diario de Pontevedra, David Acevedo, contou coas actuación Tempus Fugit, a cargo do Ballet de Galicia, e a do Coro Luis García Limeses, que puxo voz a un tema que Maite amaba: Vou cambiar o mundo.

Os discursos sucedéronse só interrompidos por vídeos e secuencias de fotografías que serviron para lembrar a preparadora.

Entre os que subiron a pronunciar palabras, os seus tres irmáns: Ana, Luis e Suso. Non faltaron as autoridades: José Ramón Lete Lasa, Miguel Anxo Fernández Lores e Julio Bernárdez. Quíxose sumar tamén a presidenta de Federación Española de Baloncesto, Elisa Aguilar, que non puido personarse por motivos de axenda, pero enviou unha mensaxe de vídeo para Maite.

Xogadoras verdes de diferentes etapas tomaron a palabra: Ana Ramírez, Marta Taboada, Natalia Soage, Ana Martín, Sara Lago e Gloria Noriega. A elas, sumáronse as capitás do primeiro equipo 2023/24, María Lago, Cristina Díaz-Pache, Margarita Moreira e Carla Fernández. E tamén tomaron a palabra outras xogadoras actuais, Heather Forster e Nerea Liste, con frases demasiado emotivas para pasar inadvertidas e cun canto de guerra tatuado no interior: «Siempre en tu equipo, jefe».

Non faltou a súa axudante, Marita Janeiro, nin directivos fundadores do club como Arturo Ameneiro e Begoña Arias.

Pecharon o evento o home de Maite, Lino Vázquez, e as súas fillas, Aldara e Mariña,entre bágoas, tan emocionadas como orgullosas do legado da gran Maite Méndez.

 

Fuente: Diario de Pontevedra.