Marta Fernández estaba a facer un exame da carreira de Maxisterio cando a Federación Española de Baloncesto fixo oficial a lista de 16 xogadoras que tomará parte na concentración preparatoria para o Eurobasket U20 do Porto. Entre as citadas atopábase o seu nome.
«Cando collín o móbil, ao rematar, vin que me bombardearan a mensaxes. Non sabía que pasara. Pregunteime que sucedera e cando o vin, polo menos non fora nada malo», comentou con bo humor a base do Club Baloncesto Arxil, orgullosa e feliz pola boa nova.
«Era a primeira vez que me chamaban. Despois desta temporada, que foi moi dura, conseguir este premio individual impúlsame moito para seguir e para saber que estou a facer as cousas ben».
Aos seus 20 anos, cumpridos hai dous meses, a directora de xogo do equipo pontevedrés vivirá a súa primeira experiencia co combinado nacional en calquera categoría. Ese feito, que lle facía crerse fóra do radar do staff da FEB, foi un dos motivos que multiplicou a sorpresa e, consecuentemente, a ledicia pola convocatoria.
«É todo novo para min. Así que o afronto aínda con máis ilusión. Chamoume Anna Junyent (técnica da área Deportiva da Federación Española de Baloncesto), propúxome a idea e díxome cal será o planning do verán. Xa estou con azos de empezar».
Comezará todo o próximo luns 2 de xuño en Azuqueca de Henares (Madrid). Durante máis dunha semana traballará dentro dun grupo plagado de xogadoras de universidades estadounidenses. De feito, a focense será das poucas baloncestistas de liga española que se vista de curto.
Mensaxes de parabéns desde tódolos currunchos
Ducias de mensaxes positivas chegáronlle: desde a súa casa ata os clubs de cando era nena.
«Felicitáronme adestradores doutros clubs nos que estiven, desde que era pequena, da Federación Asturiana, coa que xoguei, compañeiras de cando xogaba alí… Fíxome moita ilusión que todo o mundo se alegrase por min».
Tamén as súas compañeiras e técnicos no Arxil, coas que segue a adestrar formando parte do equipo da liga galega sub-20. «Déronme os parabéns. Foi moi bonito. Que a xente se alegre polos teus logros sempre é algo que che gusta».
Será un gran reto para a base, que neste curso subiu outro chanzo ao demostrarse como unha xogadora cualificada para asumir responsabilidades en Liga Femenina Challenge. Iso si, a presenza na concentración non implica pasaporte para o Campionato de Europa, xa que só poderán permanecer doce no bloque final para competir no Porto.
«Vou paso a paso. É un gran avance que me chamasen para esta convocatoria, así que vou alí a aprender das mellores de España e a tomar positivamente tódalas indicacións que me faga o adestrador, como aprendizaxe. E que sexa o que teña que ser. Se lles gusto, xenial. E se non, quedo con todo o aprendido», asume a compoñente do equipo verde.
O plan de Fernández para a súa cita en Madrid é «xogar como sei, como demostrei durante toda esta temporada… xogar ao baloncesto, que é ao que imos».
Obxectivo, seguir en Liga Femenina Challenge
Tras un ano complicado na Liga Challenge co Arxil, a base pensa no futuro. Non sabe aínda onde xogará no curso 2025-26, o que si sabe é onde desexa facelo. «Quero seguir en Liga Femenina Challenge. Non sei se hai algunha posibilidade de que o Arxil continúe e consiga a praza, pero se non, encantaríame continuar noutro equipo. Non sei aínda onde. De momento estou centrada na concentración da selección».
Puedes leer el artículo completo en Diario de Pontevedra