Club Baloncesto Arxil non só é o club de baloncesto con máis historia de Pontevedra. A entidade é un clásico do mundo da canastra no ámbito galego. Hoxe conta con máis de 200 deportistas federadas entre as categorías base e os equipos sénior. A elas hai que agregar as 42 rapazas que forman parte das escolas deportivas municipais.

O equipo absoluto vén de disputar, sen un grande éxito, a temporada de maiores aspiracións deportivas da súa historia, na Liga Femenina Challenge, unha competición de grande esixencia na que non foi quen de conseguir a permanencia.

Ademais, logrou a continuidade na Primeira Nacional co Arxil Mafari, un filial que está adquirindo tintes de equipo asociado máis tradicional, tras varias temporadas cunha composición sui generis.

Son 16 as escadras que dan forma á estrutura deportiva arxilista. Todas elas contan con adestradores titulados, desde Marita Janeiro, a directora de orquesta do primeiro plantel, ata diferentes xogadoras do mesmo, como Marta FernándezNena Trajchevska, Marga Moreira e Heather Forster, que asumen o mando nas categorías máis baixas, na súa primeira toma de contacto cos bancos. Adestran conxuntos premini e baby basket.

É unha decisión que responde a unha vella aposta de Maite Méndez, alma mater do club, falecida hai un ano: que as baloncestistas de elite se vencellen cos cadros menores, que lles acheguen o seu coñecemento e ademais que xeren lazos coas miúdas. de maneira que se poidan ver espelladas nelas e se cree un intercambio non só técnico, senón tamén persoal. Unha forma de sementar club nas xogadoras e nas adestradoras.

Moncho Soage coordina o proxecto

O coordinador do club, Moncho Soage, traballa arreo para que o Arxil volva ser o Arxil que foi: un escudo de referencia nas máximas categorías da base de ámbito galego. Non o terá sinxelo, pero os esforzos e a vontade achegada por el e o equipo técnico que dirixe van encamiñados a ese  propósito, partindo dunha modernización da filosofía da entidade.

A meta non é simplemente conseguir éxitos e resultados cos bloques de canteira, senón, sobre todo, formar xogadoras que se vencellen coas cores verdes e que, grazas ao seu talento, traballo e preparación suban chanzos ano a ano. A intención é que vaian queimando etapas ata chegaren ao conxunto xuvenil e, desde alí, estean en disposición de engrosas as ringleiras do Arxil Mafari, o paso intermedio a dispor de minutos co primeiro equipo.

Polo de agora, o trasbase aínda non está a traducirse en resultados. Diferentes razóns dificultan que as xogadoras poidan dar o paso de xuvenís a sénior. Son, xeralmente, motivos asociados aos estudos.

O proceso é longo e requerirá dalgún tempo, pero a mentalidade xa está instaurada e a forma de traballar vaise desenvolvendo paseniñamente para acadar aquel propósito.

Obxectivo, afianzarse nas primeiras divisións galegas 

Por agora, as escadras de base verdes van recuperando o nivel e amósanse consistentes dentro da delegación arousá. Fáltalles o seguinte movemento, afianzarse dentro das primeiras divisións da Federación Galega, obxectivo que se atopa un banzo por enriba da actual situación da base.

Entre outros valores que ofrece o Arxil ás súas rapazas, atópase a posibilidade de familiarizarse co inglés en equipos moi concretos. Así, a estadounidense Heather Forster desenvolve as súas sesións en bilingüe. Deporte e idioma nun mesmo espazo.

O Arxil continúa cos métodos tradicionais para realizar captación: as escolas deportivas municipais e as visitas aos colexios son os motores que lle axudan a atraer novos talentos ás súas ringleiras.

Ademais, desenvolve un campus de verán para manter vivos os azos de baloncesto nos meses de vacacións.


Puedes disfrutar del artículo completo en Diario de Pontevedra