O Club Baloncesto Arxil aínda non sabe o que é gañar na casa esta tempada. Caeu no primeiro partido de liga ante o Miralvalle, gañou ao Cortegada en Vilagarcía, pero volveu a perder no CGTD, esta vez contra o Segle XXI.

O encontro era de seu complicado para as de Mayte Méndez, pero foi aínda máis cando recibiu un parcial de 0-7 nada máis saltar á cancha. Con Nerea Alfonsín recortou distancias o Arxil, pero as visitantes estaban moito máis acertadas de fronte ao aro e chegaron a colocarse a trece puntos, que quedaron reducidos a catro ao finalizar o primeiro cuarto.

Cun tiro de Fernández ao iniciarse o segundo tempo as locais puxéronse a tan só dous puntos do empate, e a pesar de ter nas súas mans o poder voltear o resultado chegando mesmo a comprimilo en ata un punto, pero non o lograron e alcanzouse o descanso cun resultado de 37-43.

Despois do paso polos vestiarios o Segle XXI volveu poñerse a trece puntos de vantaxe (41-54), pero o Arxil espertou a tempo e disputou os seus mellores minutos. Fíxose forte en defensa e comezou a ser dono dos rebotes para anotar un parcial de 11-1 co que complicou as cousas ao seu rival (52-55), que espabiló nos últimos segundos do terceiro cuarto para facer o 54-59 a falta do último tempo.

Con todo, a pesar de acariñar por momentos a remontada, o últimos dez minutos de xogo tiveron como claro dominador ao cadro visitante, que finalmente se fixo co triunfo por 64-77.

Consulta as estatísticas nesta ligazón

Fuente: PONTEVEDRAVIVA.COM