O maior fondo físico do Mariscos Antón Cortegada resultou decisivo no partido xogado fronte ao Club Baloncesto Arxil correspondente á segunda xornada da Copa Galicia.

O duelo, disputado en Vilagarcía, transcorreu igualado ata un último cuarto no que o conxunto local terminou decantando o marcador ao seu favor por 78 a 69.

Antes producíronse alternancias no marcador, co Cortegada dominando o primeiro parcial (25-15) e o Arxil remontando para tomar a dianteira ao descanso (42-43).

Aínda que o terceiro cuarto non resultou decisivo, si que a tendencia cambiou de novo a favor do equipo local ante un Arxil que empezaba a perder máis balóns e evidenciaba certo cansazo, aspecto que se agudizou nos minutos finais.

Máis aló do resultado, a cita foi unha nova proba na pretempada de ambos os dous equipos no seu obxectivo de chegar na mellor forma posible ao comezo de curso na Liga Feminina 2, previsto para o sábado 7 de outubro.