Aldara Vázquez segue xogando activamente ao baloncesto no club da súa vida, o Arxil, pero a súa faceta profesional como fisioterapeuta abriulle estes días unha ilusionante porta.
A pontevedresa entrou a formar parte do staff da selección absoluta masculina de Costa do Marfil, en principio só para a concentración que están a levar a cabo estes días entre Baiona e Portugal para preparar o próximo Campionato do Mundo, cita na que por certo debutarán o 26 de agosto como rival de España.
«Eles íanse ir a Serbia e no último momento cancelouse todo e acabaron reservando en Baiona», explica Aldara desde a concentración. «Eu estaba o luns pasado na praia cando me chamou Nacho Rebollo contándome a posibilidade. Chamáronme e dixéronme se podía estar ao día seguinte», relata.
Ata o día 30 de xullo, cando finalice o torneo de preparación no que van participar en Portugal, Aldara Vázquez seguirá traballando con Costa do Marfil, aínda que recoñece que «para min ir ao Mundial con eles a día de hoxe sería cumprir un soño, porque como xogadora sei que non vou ir, asumino hai moitos anos, e como fisio sei que esas oportunidades aparecen pouco. Ademais é un grupo humano marabilloso, desde os adestradores, o preparador físico, o médico, xogadores e Anicet Lavodrama, que é un dos responsables».
Esta experiencia abriulle a posibilidade de coñecer a un equipo no que figura un xogador da NBA como Mohamed ‘Mo’ Bamba (recentemente recrutado polos Philadelphia 76ers tras pasar por Orlando Magic e Los Ángeles Lakers), pero tamén figuras como Alex Poythress (Maccabi Tel-Aviv) ou o xogador do Baskonia Matt Costello, entre outros.
«Están moi motivados e eu teño moita fe neles. Estou a verlles adestrar e ao final entendo de baloncesto e véxolles como un equipo potente, un equipo que vai dar moito que falar no Mundial», prognostica Aldara sobre o rival mundialista de España.
De feito teñen nela xa a unha seguidora máis, porque «desde o día uno fixéronme sentir parte do equipo, que son igual de importante que o resto», e aínda que chegará o momento de volver dirixir a súa atención á cancha como xogadora agora mesmo «estouno gozando moito».
FUENTE: PONTEVEDRAVIVA,COM