Os premios Cidade de Pontevedra de 2022 xa teñen gañadores.
O xurado decidía este xoves 12 de xaneiro, por unanimidade, que a adestradora do Club baloncesto Arxil, Maite Méndez logre o premio na categoría de persoa física. Doutra banda, a Orquestra Sinfónica de Pontevedra fai o propio na categoría de persoa xurídica.
A presidenta do xurado e concelleira de Cultura, Carmen Fouces comunicou a decisión do xurado desvelando que «foi un debate rico» no que «houbo moitas argumentacións» por parte dos integrantes do xurado que tardaron máis do habitual en acordar a súa decisión. «Estivemos bastante tempo porque había moito que falar», sinalou na súa comparecencia.
Sobre a figura de Maite Méndez primou na decisión do xurado que «leva toda unha vida entregada ao traballo social e deportivo» sendo a adestradora de «miles e miles de mozas que atoparon no deporte un lugar interesante para crecer como persoas».
No caso da Orquestra Sinfónica de Pontevedra destacouse que é «unha entidade cultural cun traballo altruísta e vocacional inmenso desde hai 16 anos» e que mantén tres orquestras. Ademais, o xurado destacou o traballo realizado ao longo do último ano dentro da perspectiva de xénero, tanto para dentro como para fóra, con ciclos como ‘Mulleres e inspiración’, presentado en maio do ano pasado.
«Este ano debemos congratularnos porque houbo un número importante de propostas, sobre todo en persoas físicas», indicou Fouces. Concretamente, foron 5 propostas no apartado de persoas físicas e dúas no de xurídicas «todas elas merecedorísimas dos premios Cidade de Pontevedra. Calquera delas é unha proposta gañadora».
A diferenza das anteriores edicións destes premios, este ano a identidade das candidaturas que non serán galardoas co Teucro de prata non se desvela, aínda que son públicas porque así o esixe o trámite administrativo. Con este cambio preténdese que non se vexa a estas propostas como «perdedoras» evitando tamén «comparativas odiosas».
«Sempre deu a sensación de que os que non son premiados, son perdedores, e non é así, nada máis lonxe da realidade», apuntou Fouces.
Os Premios Cidade de Pontevedra serán entregados o próximo 20 de xaneiro no Pleno de Honra que se celebra con motivo da festa patronal de San Sebastián.
FUENTE: PONTEVEDRAVIVA.COM