A preparadora do equipo pontevedrés mergúllase nunha nova fase de ascenso, a segunda en tres anos para a súa escadra e á que chegou con máis antelación ao fin dunha campaña regular. Con catro partidos por disputar aínda, a técnica comeza xa a traballar na promoción, sen descoidar os últimos enfrontamentos da temporada regular.

TRABALLANDO NA financiación da fase de ascenso e ao mesmo tempo no estudo dos rivais que o seu equipo pode atopar nos partidos polo salto de categoría e no final de curso, Maite Méndez analiza os chanzos subidos pola súa escadra para poder obter o pasaporte para a fase de ascenso. Un éxito construído sobre a cohesión, a tenacidade e o talento do seu plantel.

Que sensacións ten tras lograr a clasificación para o play-off?

Foi un empeño das xogadoras. Estaban doídas por non telo conseguido o ano pasado na última xornada. As circunstancias leváronos a logralo a falta de catro semanas para rematar a liga. Todo saíu ben pola comunión que hai no equipo. Prodúceme satisfacción, pero tamén ansiedade, porque temos que conseguir os cartos para poder desprazarnos.

«É un dos planteis máis involucrados co club da historia do Arxil. A nivel humano é un bloque insuperable»

Cal foi a chave de lograr o obxectivo con tanta antelación?

O equipo. Sufrimos momentos moi duros, como a lesión de Carolina Bernardeco e os problemas físicos doutras compañeiras. Pero o conxunto foi sólido e sacou partidos adiante tirando de oficio e veteranía e cunha gran defensa. É un labor de todos: o esforzo e compromiso das xogadoras, staff e directiva é inmellorable. Isto é un éxito para o club e para a cidade.

Esperaba este desenlace con tanta solvencia?

Non, pero o calendario xogou a súa parte, tamén. O inicio da primeira e segunda volta foi moi duro, enfrontándonos a tódolos rivais da parte alta. Iso condicionou un pouco o noso comezo de temporada, pero resolveuse favorablemente porque fomos quen de superar varios partidos, o que nos deu folgos para saber que podiamos conseguilo. Esa fase de calendario que nós tivemos ao comezo e no que sumamos, tocoulle aos rivais máis adiante e non lle resultou tan beneficioso. Realmente estabamos entre os equipos que mellor competían. Outra chave foi ir partido a partido. Non pensamos nos obxectivos a longo prazo.

Que cambiou para que, a diferenza da temporada pasada, o equipo gañase tantos enfrontamentos contra equipos da zona alta da clasificación?

Renovar o plantel ao completo foi un acerto total. E iso débese tamén a que as xogadoras querían continuar e deron facilidades para alcanzar un acordo. Elas tiñan intención de que isto saíse ben este ano. As dinámicas de equipo e do traballo diario leváronnos a confiar. Tiñamos xogadoras que xa eran determinantes na liga e as novas integráronse perfectamente na estrutura do equipo. Acertamos. Logramos que non houbese ningunha compoñente do plantel que o desequilibrase a nivel interno. En ocasións ese factor pode estragar un plantel e o traballo non só dunha temporada, senón de anos. Tivemos un grande acerto.

«A chave foi o equipo. Foi sólido e sacou partidos adiante tirando de oficio, veteranía e unha gran defensa»

Hai un bo bloque a nivel humano?

Podo asegurar que é un dos planteis máis involucrados co club da historia do Arxil: hai tres xogadoras que son adestradoras en equipos da base, outras tres máis colaboran tamén nas categorías menores, en concentracións, adestramentos… Unha máis axuda con fisioterapia. As catro xogadoras de Primeira Nacional que adestran connosco permitíronnos seguir traballando con intensidade e ter máis calidade nas sesións. Iso fixo que non se notase, a nivel de adestramentos, cando tivemos lesións. E, a nivel humano, é un bloque insuperable. Como comprometidas, ao 300 por cento. Ademais arrastran rapazas da base aos partidos. Son respectadas e queridas e hai moi boa comunicación con elas desde o club.

Se finalmente reúnen os cartos para participaren na fase, ve opcións de ascender?

Non imos de paseo. Se imos, imos a por todas. Pero unha fase de ascenso é completamente diferente a unha liga regular. No primeiro partido da última que disputamos lesionouse María Lago. Hai circunstancias inhabituais. As xogadoras son conscientes de que o queren conseguir, pero temos que estar alí e ver o que hai . Aínda descoñecemos o que nos atoparemos no outro grupo. Non iremos como favoritas, senón con humildade e respecto.

Como afrontan os catro últimos partidos da liga regular?

Non os imos tirar, porque son esenciais para intentar conseguir o segundo ou terceiro posto. Hai equipos que se xogan moito. Nós imos afrontalos xestionando o noso plantel, pero resta moito por decidir aínda.

«O ano pasado, os grandes favoritos non gañaron ningún partido na fase»

O GRUPO b de Liga Femenina Dos xa ten un líder afianzado que ten garantida a primeira praza, o Barakaldo, pero os postos do segundo ao cuarto aínda están moi abertos. O sistema da fase de ascenso debuxa dous grupos de catro equipos en sede única. Os dous primeiros de cada un deses grupos cruzaránse nas semifinais e os dous vencedores desas eliminatorias lograrán o ascenso á segunda categoría do baloncesto feminino, a Liga Challenge.

Tivo tempo xa a ver os equipos do grupo B… Hai algún rival que queira máis ou algún que prefira evitar?

Queremos ser segundas ou terceiras de grupo, porque nos cruzaríamos co primeiro e cuarto clasificados do outro grupo. Estamos interesadas en enfrontarnos ao Barakaldo, que é líder invicto do outro grupo con 22 triunfos. Pasan os dous primeiros da fase para as semifinais.

É dicir, desa maneira evitarían o Barakaldo en semifinais…

Si. A priori é o gran favorito, pero iso non quere dicir nada. Non hai que esquecer que os grandes favoritos da fase de ascenso da temporada pasada, o equipo de Mallorca e o Miralvalle Plasencia, non gañaron ningún partido e non conseguiron o obxectivo. Pola nosa parte só esperemos que o plantel chegue enteiro e sen problemas físicos.