Por Diego Espiño
PONTEVEDRA VIVA
A falta de dúas xornadas para a conclusión da competición regular na Liga Feminina 2, o Club Baloncesto Arxil mantén intactas as súas opcións de alcanzar a cuarta praza e disputar así o play-off de ascenso á máxima categoría.
Se esa posibilidade de mantén é en boa medida consecuencia dos sobresaíntes números da última incoporación verde, a pívot de Mali Minata Keita, que ante o Cortegada asinou 26 puntos, 12 rebotes e 38 de valoración.
Eses números serviron para que a xogadora arxilista fose nomeada por segunda vez dende que chegou ao club como xogadora máis valiosa da xornada (MVP) xunto a Licet Castillo.
Dende que fichou polo Arxil a xogadora de Mali alcanza 19,8 puntos por partido, 8,8 rebotes e 24,7 de valoración.
Minata acumula ademais presenzas no quinteto ideal, cunhas cifras de anotación e valoración que serviron ás pontevedresas para escalar posicións e situarse a só un triunfo de Adba Avilés e Celta, equipo este último que ocupa a última praza para a promoción de ascenso.
As verdes deberán gañar os dous últimos encontros ante o último Universidad de Valladolid e o segundo na táboa, o Al-Qázeres, se queren apurar as súas opcións.
Pola súa banda o Celta conta cun calendario complicado ante o líder, Universitario Ferrol, e o terceiro, Ensino de Lugo, mentres o Avilés debe medirse ao Café Barco e ao Pabellón Ourense.