O Club Baloncesto Arxil baralla a posibilidade de ocupar unha praza na Liga Femenina Challenge 2024-25. A dirección do club verde mantén conversas con clubs que teñen dereito deportivo na segunda categoría do baloncesto feminino español e coa Federación Española de Baloncesto coa fin de poder conseguir o seu propósito. Polo de agora, os diálogos non se traduciron en propostas económicas materiais, pero a entidade lerezana traballa en dous posibles escenarios de cara ao curso vindeiro, en función da competición na que participará. Así, responsables da institución están a operar coa fin reunir os avais necesarios, sexa para LF2, sexa para a Liga Challenge.
Os prazos para a inscrición en LF Challenge das escadras que gañaron a súa praza deportivamente rematan o venres 12 de xullo.
Con anterioridade, os conxuntos poderán proceder á súa renuncia. Actualmente, son cinco os clubs que teñen dereito deportivo na segunda categoría que manifestaron dúbidas ao respecto da continuidade na competición de prata do básquet feminino. O máis notorio é o Bembibre, que vén de descender de Liga Feminina e xa notificou o seu interese por vender a praza, debido aos problemas económicos que lle afectaron despois de perder o seu lugar na máxima categoría.
As negociacións da entidade co Náutico de Tenerife non chegaron a un punto de encontro, polo que a escadra leonesa debe seguir á procura dun comprador ou renunciar ao seu dereito deportivo na categoría sen contraprestación económica.
O primeiro período formal ao que deben estar atentos os interesados en participar en LF2 Challenge é o prazo de renuncia dos conxuntos ascendidos desde Liga Femenina Dos esta temporada. O Nou Básquet Femení Castellò e o Domusa Teknik Azpeitiadeberán acollerse a esta medida no caso de non ocuparen o seu lugar na nova competición, se desexan saír a competir na mesma categoría en que o fixeron no curso precedente. Teñen ata a semana próxima para comunicalo.
Un dos aspectos que resulta conveniente para o Arxil de cara a aspirar a ocupar o seu espazo na Liga Femenina Challenge é a información que apunta que non haberá xornadas entre semana no próximo curso. Iso faría máis compatible o traballo das xogadoras verdes que comparten o baloncesto con outras ocupacións profesionais ou cos seus estudos.
No caso de que haxa renuncias o 12 de xullo, e se o Arxil nin outros clubs queiran realizar un desembolso para ocupar as vacantes, o dereito deportivo situaría o Arxil no terceiro lugar da lista de espera, por detrás do BF León (como terceiro clasificado da fase de ascenso) e do Lima Horta catalán, mellor dos conxuntos descendidos de Liga Challenge 2023/24.
FUENTE: DIARIO DE PONTEVEDRA