O Club Baloncesto Arxil non puido superar ao Maristas Coruña na primeira xornada da Copa Galicia disputada no CGTD. Os fallos propios dos últimos 30 segundos foron claves na derrota do equipo pontevedrés, que a pesar da derrota, deixou boas sensacións sobre a cancha.

Apoiadas nas cifras anotadoras de Nerea (20 puntos) e a macedonia Nena Trajchevska (14), o equipo adestrado por Maite Méndez dominou o marcador desde o primeiro parcial (16-10), marcando diferenzas antes do descanso para chegar ao ecuador do choque cun 41-32.

Tras o paso por vestiarios e o marcador a favor, o Arxil limitouse a controlar a súa renda, pero fallos nos pases e ataques erráticos provocaron que o terceiro cuarto fose para o Maristas por 18-22.

Seguían dominando as de Pontevedra o encontro, aínda que seguidas moi de preto por un Maristas que aproveitaba cada fallo local para facer dano e conseguir, a falta de tres minutos para a conclusión, dar a volta ao marcador.

Tocaba remar e aguantar os últimos segundos, pero co 69-68 no luminoso e tan só 26 segundos para o final, as de Coruña converteron un triplo que puxo o 69-71. Maite Méndez parou o tempo, unha xogadora do Arxil quedou soa debaixo da canastra pero o balón non entrou. Falta persoal, fallo no seguinte ataque e o marcador xa se disparou a favor das visitantes, que sentenciaron por 69-76.

Unha vez finalizado o partido, Lino Vázquez destacou que «houbo cousas moi boas e outras non tanto, pero o equipo deixou boas sensacións a pesar de levar só dúas semanas de adestramentos». O Maristas, pola contra, «chegou máis rodado e con máis sesións».

FUENTE: PONTEVEDRAVIVA.COM