A Federación Española acordou conceder a praza da categoría de prata ao club verde, que ocupará a vacante do Bembibre.

CB Arxil competirá a próxima temporada en Liga Femenina Challenge. Así o confirmou este martes a Federación Española despois da reunión da súa comisión delegada. O proceso de avaliación e estudo da documentación requerida aos clubs para participaren nas competicións FEB resolveuse coa concesión da praza na segunda categoría á entidade pontevedresa.

O equipo pontevedrés ocupará finalmente a vacante deixada polo Bembibre, un dos equipos con dereito deportivo que non cumpriu cos requisitos económicos esixidos para ocupar o seu lugar na Challenge.

A clasificación para as semifinais do play-off polo ascenso de Liga Femenina Dos da pasada temporada foi determinante para a consecución do obxectivo por parte da entidade lerezana, xa que lle ofrecía a posibilidade de colocarse como terceiro conxunto na lista de suplentes para ocupar prazas libres na categoría superior.

Unha categoría que xera máis ingresos

A directiva da entidade verde considera que desde un punto de vista económico o cambio é favorable para os seus intereses, xa que lle permite unha maior xeración de ingresos e, segundo as súas contas, os gastos non se incrementarán na mesma proporción. Desde un punto de vista deportivo, a competición será máis esixente, pero ao mesmo tempo máis atractiva para os afeccionados e para as xogadoras. Nese senso, o Arxil poderá ter máis posibilidades de garantir a continuidade de algunhas deportistas que en Liga Femenina Dos non seguirían no plantel.

O club realizara a preinscrición tanto na Liga Femenina Dos como na Challenge, para cubrir a posibilidade de que finalmente non se liberase un posto na categoría que finalmente si vai poder ocupar.

O Arxil estrea a súa nova era con incerteza

Cambios de cromos na Liga Challenge

A Liga Femenina Challenge vai sufrir algúns cambios importantes con respecto ao pasado curso canto a súa composición, ademais dos ascensos e descensos deportivos, pero finalmente serán menos dos que se agardaban orixinalmente.

O Bembibre estivo negociando durante semanas cun equipo canario para vender a súa praza e mesmo chegou a estar próximo a pechar un acordo. Pero o mesmo non se puido levar ao papel por condicionantes económicos no conxunto illeiro co que estaba en conversas.

O Lima Horta, que descendera deportivamente de Liga Challenge como penúltimo clasificado, puido conservar a praza mercede á renuncia do terceiro clasificado por abaixo, o Picken Claret valenciano, que será o que se irá a Liga Femenina Dos finalmente.

Alcobendas, o primeiro en anunciar oficialmente que non seguiría na Challenge, foi protagonista dun cambio a tres bandas. Foi quen de venderlle a súa praza ao Andratx balear, que estaba en Primeira Nacional a temporada pasada e tiña o interese de competir en Liga Femenina Dos. De aí que o conxunto mallorquín levou a cabo unha segunda operación: intercambiou o seu lugar co Barakaldo, que disputara o play-off da Liga Femenina Dos da campaña pasada. De tal maneira, as vascas xogarán en Challenge, as baleares en LF2 e o Alcobendas, en Primeira Nacional.

Ademais de todo iso, finalmente houbo dous clubs que anunciaron que estaban en risco de non ocupar o seu lugar e finalmente si o fixeron.

FUENTE: DIARIO DE PONTEVEDRA