Do mesmo xeito que na primeira xornada da Liga Feminina 2, o Club Baloncesto Arxil demostrou un gran nivel defensivo para facerse coa súa segunda vitoria da tempada superando con claridade ao Universidad de Oviedo a domicilio (47-79).

Aínda que o primeiro cuarto o acerto en ataque brillou pola súa ausencia, a consistencia defensiva das pontevedresas fíxolles tomar xa o mando do encontro (7-10).

Foi no segundo parcial onde a porcentaxe cara ao aro contrario subiu e o Arxil empezou a marcar diferenzas (20-35) para marchar ao descanso nunha cómoda situación.

Con catro xogadoras por encima da decena de puntos, como foron Cristina Díaz-Pache (16), Carla Fernández (12), Ana Román (12) e Chantel Charles (10), as verdes sentenciaron o partido no terceiro cuarto (34-60) e limitáronse a controlar o marcador nos minutos finais sen maior sobresalto.

Con dous triunfos noutras tantas xornadas o Arxil colócase no liderado da Liga Feminina 2, empatado con outros tres equipos pero con mellor diferencia de puntos.

Consulta as estatísticas do Universidad de Oviedo-Club Baloncesto Arxil.

 

FUENTE: PONTEVEDRAVIVA.COM