A nova tempada do Arxil empezou este sábado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva nun encontro fronte a un dos candidatos ao ascenso de categoría, o Celta Zorka.
Despois de plantar cara ao conxunto vigués nos partidos de pretemporada, o equipo dirixido por Maite Méndez fixo o mesmo no primeiro partido de liga. O primeiro cuarto estivo igualado, a pesar de que o equipo visitante terminou o parcial cunha diferenza de dous tantos a favor (11-13), vantaxe que se ampliaría nos seguintes 15 minutos. A dinámica anotadora e a fortaleza das viguesas en defensa deixouse ver no segundo parcial (12-24) aumentando así a diferenza no luminoso para irse ao descanso cun 23-37 en contra das verdes.
A garra e empuxe das pontevedresas non foi tan forte como a das viguesas. A pesar de conseguir un bo terceiro parcial (17-16), o último cuarto foi determinante e o Celta, moi superior en ataque e defensa, aumentou a vantaxe no resultado final (10-17) e levou os primeiros puntos da tempada.
Finalmente, o Arxil caeu por 50-70 ante un Celta que empeza forte na súa pelexa polo ascenso. O próximo compromiso do Arxil é contra o Pozuelo o vindeiro sábado 12 de outubro.
Consulta aquí as estatísticas do partido.
FUENTE Y FOTO: PONTEVEDRAVIVA.COM