O Club Baloncesto Arxil impúxose este sábado ao Cortegada tras un igualado encontro que se saldou polos detalles.

Custoulle ás pupilas de Mayte Méndez entrar no partido e rapidamente o equipo vilagarcián púxose cunha vantaxe de 2-11 no luminoso. Con todo, o acerto desde a liña de tres de Miriam García e Carolina Ribeiro permitiron ás verdes reaccionar e marchar ao final do primeiro cuarto cunha lixeira vantaxe (16-15).

O Arxil ampliou a diferenza ao comezo do segundo, pero o Cortegada, lonxe de baixar os brazos, seguiu de cheo na pelexa para enviar o encontro ao descanso en empate a 27.

Tras o paso polos vestiarios mellorou o conxunto local, que volveu tomar a dianteira para irse ao último cuarto cunha renda de tres puntos (38-35).

Apareceron nese momento Forster e Trajchevska para botar o equipo ás súas costas e conseguir a máxima vantaxe da tarde (+11), pero o Arxil, afeito sufrir, viu perigar o triunfo cando case o tiña no peto.

E así, a falta de pouco máis dun minuto para a conclusión, Lauren Loven puxo contra as cordas ás locais e apertou o marcador en dous puntos, pero Carolina Ribeiro, desde a liña de tiros libres, deulle osíxeno ao seu equipo para facerse co triunfo final por un axustado 52-48.

Consulta as estatísticas nesta ligazón