Un equipo construído desde a defensa, pero con moita calidade e variedade de recursos para producir en ataque. Ese parece ser o esquema que resume as virtudes do CB Arxil. E con esas bases, o cadro verde está metido de cheo na pelexa polos postos de play-off de ascenso, aproxímase aos rexistros da temporada 2021-22 (a mellor da historia do club en Liga Femenina Dos, se só se computan as doce primeiras xornadas de liga) e presume dos mellores datos ofensivos dos últimos dez anos de competición.
O bloque preparado por Maite Méndez conta nas súas ringleiras con xogadoras con moita facilidade para encestar, como as dúas exteriores balcánicas, Nena Trajchevska e Andrea Glomazic, as dúas bases, Carolina Bernardeco e Marta Fernández, e as dúas pívots titulares, Nerea Liste e Heather Forster. A elas hai que sumar as aparicións puntuais das demais compoñentes do colectivo, tamén cualificadas para sumar en diferentes facetas e cos seus momentos estelares ao longo da liga (coma os casos de Margarita Moreira, María Lago).
A última vez que lograra cifras mellores á actual foi no campionato 2014-15. Por aquel entón, o cadro da cidade do Lérez sumou 852 puntos despois de 12 partidos, o que supuñan 71 tantos por enfrontamento, o terceiro mellor ataque arxilista do primeiro cuarto de século. Aquel foi un curso especialmente positivo para as pontevedresas, que remataron a primeira volta entre os equipos da zona nobre da táboa e que despois das mesmas doce xornadas que se levan queimadas ata o momento, levaban dez vitorias.
O comezo de temporada máis prolífico en anotación da serie histórica do Arxil en Liga Femenina Dos foi, curiosamente, o da liga 2010-11. Curiosamente porque, a pesar da súa enorme facilidade para encestar, o bloque verde perdía máis do que gañaba. Despois de 12 xornadas levaba só cinco triunfos e sete derrotas. E por que? Porque meter, metían, pero recibir, recibían tamén moitos puntos: 72, 58 puntos a favor por 72,75 en contra de media.
Cambio xeracional. A primeira década do século permitía ver un xogo de máis acerto ofensivo e defensas máis vulnerables que o da actual Liga Femenina Dos. De feito, das dez primeiras campañas na categoría (daquela segunda división do baloncesto español) o Arxil mellorou na metade deles, cinco, os puntos encestados no presente campionato. Desde 2011 en diante, só o fixo unha vez.
Malia a súa capacidade ofensiva actual, o Arxil empeora a clasificación de hai dúas campañas. A resposta está no outro lado da cancha: o conxunto de Maite Méndez da primeira metade da temporada 2021-22 encaixaba menos puntos que agora. Moito ten que ver niso o nivel de esixencia dos rivais daquela primeira volta e os da actual. Antes dos cambios e fichaxes de algúns conxuntos, aquela liga non tiña rivais da talla do Segle XXI ou mesmo do Miralvalle.
E é que o Arxil de hoxe ataca ben, pero só é o quinto equipo da liga con máis puntos a favor.
Heather Forster e Andrea Glomazic son as dúas seguintes na listaxe de puntuación das verdes. A estadounidense ten unha media de 10,34 puntos e a montenegrina de 9,92. Nesas mesmas cifras da escolta balcánica, aproximadamente, está Carolina Bernardeco e algo inferiores, pero tamén similares, Marta Fernández, 8,92. O reparto de puntos fai que ningunha das mencionadas estea no top-10 de máximas encestadoras da Liga.