O equipo de Maite Méndez só gañou dous partidos lonxe da casa e non logrou ningún triunfo contra equipos mellor situados ca el na clasificación.
O Club Baloncesto Arxil pechou a primeira volta do grupo A da Liga Femenina Dos fóra dos postos de fase de ascenso a Liga Challenge, no sexto posto, con seis triunfos e seis derrotas.
O conxunto verde cometeu dous pecados que lle impediron achegarse aos catro primeiros postos da táboa: só gañou dous partidos lonxe da casa e non venceu ningún enfrontamento contra os conxuntos situados por enriba del na clasificación.
E a pesar desas circunstancias, as mulleres dirixidas por Maite Méndez finalizaron a só dous triunfos dos catro primeiros lugares e con opcións intactas de meterse nas prazas que dan dereito a pelexar polo salto de categoría ao remate do curso.
A mellora no xogo colectivo e a gran cantidade de recursos de que dispón a preparadora pontevedresa parecen facerse máis pequenos en partidos lonxe do CGTD. Neses envites, as da cidade do Lérez só venceron dúas veces. O primeiro triunfo a domicilio produciuse na terceira xornada en León, contra o BF León (55-65), no que foi o primeiro éxito verde do curso.
O outro partido gañado lonxe da casa foi fronte ao Sevilla na sétima xornada (58-78). Os demais desprazamentos da verdes foron saldados con cinco derrotas.
Un feito pode ser relevante na segunda metade do curso: a cantidade de duelos que terá na casa o Arxil: sete, por só cinco desprazamentos. Iso si, neses partidos como local deberá demostrar a capacidade que non amosou contra os grandes bloques da competición nas súas saídas.
Porque ata agora perdeu contra os cinco equipos que o preceden na clasificación. Contra o líder, Miralvalle Plasencia, caeu por 75-62 nun partido entre semana adiantado da sétima xornada. Tampouco puido gañar fronte o segundo, o Almería, que lle levou o partido na prórroga no CGTD, na única cita que non venceu na súa cancha.
O terceiro en discordia, o durante moitas xornadas líder Tirso Incentro de Cantabria, quedou coa vitoria cando o visitou o conxunto arxilista (57-49). Tamén gañou contra o Arxil o Bosonit Unibasket de Logroño por 70-57 o domingo pasado para pechar a primeira metade do campionato. O derbi, contra o Extrugasa de Vilagarcía (quinto clasificado), tamén resultou favorable ás vilagarciás na súa cancha, na quinta xornada do curso (66-51).
Fuente: Diario de Pontevedra.