O Club Baloncesto Arxil disputou este sábado o seu primeiro partido oficial da tempada en casa, o pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

En fronte estaba o Celta Zorka, un equipo que aspira a pelexar polo ascenso de categoría. Con todo, as de Mayte Méndez plantáronlle cara ata despois do descanso, momento no que se desinflaron e xogaron os seus peores minutos.

Aínda que o duelo comezou igualado a partir do minuto 5 o Arxil comezou a dominar tanto en ataque como en defensa, logrando un parcial de 9-0 que lles permitiu afastarse e chegar ao final do primeiro cuarto cunha lixeira vantaxe inicial de 23-14.

Contra todo prognóstico, no segundo cuarto ocorreu o mesmo. As de Mayte Méndez dominaban e xogaban a gusto, conMoreira, Forster e María Lago liderando ás súas con 9 puntos ás súas costas cada unha e afastándose do rival para chegar ao descanso cun resultado de 42-27.

Tras o paso polo vestiario todo cambiou. O Arxil se desfinflaba á vez que o seu rival metía o acelerador para meterse de cheo no partido e realizar un cuarto de 10-22 que as metía de cheo no partido e con todo por decidir no último cuarto (53-49).

Quedaban 10 minutos e o encontro estaba en grao sumo igualado. Dous tiros libres poñían ao Celta a tan só dous puntos do Arxil, que vía polo retrovisor como a vitoria pendía dun fío. Sara Castro anotaba desde a liña de tres para poñer o 56-51, pero dous erros nos posteriores lanzamentos provocaron que o rival se puxese por diante por primeira vez no partido e a falta de 6 minutos para a conclusión (56-58).

A partir de aí, as locais seguiron pelenado pero non foron capaces de volver alcanzar ao seu rival, que aumentaba lixeiramente o seu colchón conseguiron aumentar lixeiramente unha vantaxe a poucos segundos de soar a bucina.

Finalmente, a vitoria escapóuselle ao Arxil por 62-67, pero souberon plantarlle cara a un dos rivais máis fortes da categoría, o Celta Zorka.