O Arxil sorprende a domicilio ao Pabellón Ourense (59-75) e acada a súa primeira vitoria

ARXOUR

 

PONTEVEDRA VIVA.

As cifras da pivot xamaicana Tajay Ashmeade, que sumou 28 puntos e 22 rebotes, falan por si soas das claves da primeira vitoria ligueira do Arxil. Foi a domicilio. Foi en Ourense. Fronte a un rival ao que xa derrotaran no CGTD de Pontevedra, nas semifinais da Copa Galicia. Pode que este feito supuxese unha inxección adicional de confianza para as rapazas de Mayte Méndez. O certo é que o dominio visitante se puxo de manifesto dende o primeiro cuarto.

De feito, salvo o terceiro parcial, no que as ourensanas se impuxeron por un só punto, o Arxil foi paulatinamente ampliando a súa vantaxe, e unicamente unha lixeira reacción local, no último cuarto, permitiu ás locais albergar certas esperanzas de remotar o resultado, con dous triplos de María Alvarez e Mallou, que sitúan un corto 53-57, a falta de seis minutos.

Pouco durou a incerteza. Da man de Sandra Entenza no tiro exterior, xunto co insultante dominio na pintura de Tajay Ashmeade, o Arxil volveu escaparse, asinando un último parcial demoledor para levarse a vitoria e estrear a súa cuadrícula.

PABELLÓN OURENSE (59): Claudia Aponte (22), Florence Glen, Arantxa Mallou (21), Miriam Bolívar (2), Laura Saarinen (11) -cinco inicial-, Laura Álvarez (3), María Álvarez (3) e Nerea Nieto.

ARXIL (75): Ana Martín, Carla Fernández (10), Jara Tuda, Cristina Díaz, Tajay Ashmeade (28) -cinco inicial-, Sandra Entenza (13), María Lago (14), Fani López, María González (6) e María Quiroga (4).

Árbitros: Beneítez Rodríguez e Rilo Antelo (Colexio Galego). Sinalaron 21 faltas persoais do Pabellón e 20 ao Arxil. Sen eliminadas.

Marcadores parciais: 10-17, 18-20 (28-37), 18-17 (46-54), 13-21 (59-75, final).

Incidencias: Pazo dos Deportes Paco Paz (Ourense). Uns 250 afeccionados.

Deja un comentario

64 − 54 =