O torneo en memoria de Maite Méndez disputarase en setembro, durante a pretemporada, con rivais e formato aínda por determinar.
O Club Baloncesto Arxil traballa xa na organización do I Memorial Maite Méndez de baloncesto. A entidade pontevedresa quere manter a memoria da que foi a súa cofundadora nos anos 80, xunto a Milagros Sanmartín e Lino Vázquez entre outros, e a adestradora do primeiro equipo desde a súa fundación ata o pasado mes de abril, cando faleceu.
A dirección da institución baralla diferentes posibilidades para levar a cabo o torneo Maite Méndez. De momento, sábese que se disputará en setembro, durante a pretemporada dos conxuntos de baloncesto feminino español.
Por un lado, estímase a opción de realizar un partido entre o CB Arxil e outra escadra, aínda que o formato que ten máis forza é o triangular. O club lerezano está pendente do calendario estival do Perfumerías Avenida de Salamanca para encaixar a súa preparación e establecer as datas do torneo.
Perfumerías Avenida e Ensino, posibles rivais
A prestixiosa escadra castelá, que compite na máxima competición nacional, a Liga Femenina Endesa, é unha das referencias do básquet feminino español dos últimos tempos e é a prioridade do Arxil para o cartaz do torneo. O terceiro conxunto en discordia é o Durán Maquinaria Ensino de Lugo, que actualmente tamén ocupa unha praza na máxima categoría nacional.
O último adeus para a nai do baloncesto feminino da comarca.
A intención do Arxil é que o seu equipo de Liga Femenina Dos se mida en cadanseu duelo de 20 minutos aos rivais. Despois, o Ensino e o Perfumerías Avenida levarían a cabo un partido a tempo completo entre eles, para pechar o Memorial.
Polo de agora, a estrutura, formato, rivais e días son parte dun borrador. Coa temporada finalizada hai poucas datas e con aínda tres meses para que comece a campaña 2024-25, o club dispón de tempo por diante para pechar tódolos detalles.