O equipo verde encadeou dúas derrotas seguidas por primeira vez na temporada e está pendente dos problemas físicos de Forster e Trajchevska para o duelo ante o León e o play-off

O Club Baloncesto Arxil atravesa polo seu peor momento da temporada. O equipo pontevedrés encadeou dúas derrotas consecutivas por primeira vez na campaña e comprometeu a terceira posición do seu grupo (a efectos de play-off sería a segunda, xa que o Segle XXI non pode competir na promoción), ao ver reducida a un partido a distancia con respecto ao León.

O último partido da liga entre o equipo de Maite Méndez e o propio Léon decidirá un dos rivais na promoción polo ascenso. O Arxil xa sabe que xogará contra o Barakaldo e o Bosonit Unibasket, primeiro e cuarto clasificados do grupo B, suceda o que suceda na última xornada. No entanto, debe agardar á xornada final da liga para coñecer o outro adversario. Se perde contra o León, o seu terceiro adversario será o propio conxunto leonés. Se lle gaña e o Maristas da Coruña fai o propio na súa cita contra o pechacancelas, Barna, as coruñesas serán as opoñentes das lerezanas.

As últimas dúas derrotas das pontevedresas estiveron acompañadas polos problemas físicos de dúas xogadoras básicas nos esquemas de Maite Méndez: Nena Trajchevskae Heather Forster. Ningunha das dúas disputou o último enfrontamento do bloque verde, en Canarias, contra o Tenerife La Laguna Clarinos.

O caso de Forster estase dilatando no tempo máis do desexado. As molestias na manque leva padecendo desde hai un mes non remiten, polo que non puido disputar o envite en chan canario. Era o terceiro enfrontamento consecutivo no que non tomaba parte.

As intencións do corpo técnico verde é que dispute o duelo da fin de semana, non só para axudar o colectivo na súa pelexa polo terceiro posto, senón tamén para que vaia recuperando sensacións e ritmo de competición antes da fase de ascenso.

Tampouco estivo sobre o parqué de La Laguna Nena Trajchevska. A internacional macedonia padece unha molestia no xeonllo desde hai tempo. Maite Méndez intentou dosificala durante algunhas fases da campaña. Nas últimas semanas volveu sentir un incremento das molestias, polo que o club optou por que descansase no partido da fin de semana, para non agravar a situación.

De cara ao sábado, Maite Méndez confía en poder empregar as dúas xogadoras diante do León, no que será a antesala da fase de ascenso, aínda que non forzará máis do debido se a saúde das xogadoras o recomenda.

Segundo posto

O duelo concederá o segundo lugar do grupo a un dos dous conxuntos, ao que obteña o triunfo. As leonesas obtiveron a vitoria na primeira volta e de facéreno o sábado no CGTD empatarán a número de triunfos e contarán co coeficiente directo gañado coas verdes, o que lles permitirá adiantalas na clasificación e acadar o seu posto máis elevado da táboa durante todo o curso.

Despois dese envite, os equipos disporán de dez días antes do comezo da fase de ascenso, que se levará a cabo na localidade aragonesa de Utebo entre o 25 e o 28 de abril.

Entrada gratis vestindo de verde

A directiva do Arxil realizou un chamamento aos seareiros ao baloncesto e aos seus socios para dotar do mellor ambiente posible ao encontro final da liga regular, que se xogará o próximo sábado no CGTD.

O partido disputarase ás 19:00 horas. A xornada celebrarase integramente co mesmo horario, como determinan as bases de competición da LF2.

A entidade pediu a presenza dos seus socios e concederá libre acceso á instalación a aqueles afeccionados que acudan ao pavillón vestindo unha peza de roupa verde.

Será a despedida diante da súa xente para as xogadoras do bloque pontevedrés, xa que o seguinte compromiso que deberán afrontar será a promoción de ascenso, en Utebo.

O club segue a traballar para conseguir ingresos que lle permitan afrontar os gastos de desprazamento e arbitraxes do play-off. Aínda que está decidido a participar, precisa obter recursos económicos, xa que son os clubs participantes os que deben pagar os custos da competición.

O feito de que non se presentase ningunha candidatura para acoller o torneo e que asumise os gastos organizativos supón un contratempo para os clubs participantes, particularmente para o Arxil, que fai esforzos para cadrar as súas contas no treito final do exercicio.

FONTE: DIARIO DE PONTEVEDRA