O club verde afronta a súa primeira temporada na LF Challenge, competición en crecemento e antesala do profesionalismo.

O Club Baloncesto Arxil afronta na temporada 2024-25 un dos maiores retos da súa historia. O club verde arranca este sábado (17:00 horas, CGTD, fronte ao Leganés) a súa andaina pola Liga Femenina Challenge, a actual segunda división nacional.

Trátase dunha categoría profesionalizada, dentro dun baloncesto feminino en expansión nos últimos tempos e na que a escadra verde pretende asentarse e facer camiño, despois de obter a praza de maneira administrativa tras ficar ás portas do ascenso deportivo a primavera pasada.

Marita Janeiro toma o testemuño de Maite Méndez

Non será un curso sinxelo para o equipo pontevedrés, que afronta cambios importantes non só canto á categoría. A entidade comeza unha nova era tralo pasamento da súa alma mater e líder do proxecto, Maite Méndez. Marita Janeiro toma o testemuño á fronte do banco, despois dunha vida enteira de Méndez dirixindo o plantel.

Así que non será unha tarefa sinxela para Janeiro, que ata agora desenvolvera o papel de adestradora axudante e só puntualmente tivera que colocarse á fronte do equipo. O reto será de grandes proporcións para ela, que estará axudada pola experiencia de Milagros Sanmartín.

O colectivo co que contarán manifesta unha clara aposta continuísta con respecto ao curso anterior. Un plantel no que só se producen dúas novas incorporacións, por tres baixas da campaña precedente, e que parte co obxectivo de ser o suficientemente competitivo para eludir as prazas de descenso.

Unha das novas caras, a escolta portuguesa Raquel Laneiro, terá difícil o seu debut no primeiro duelo ligueiro, despois de padecer unha escordadura de nocello na pretemporada que a mantén fóra do grupo. A súa misión, cando a saúde llo permita, será a de sustituir a capacidade anotadora de Andrea Glomazic, unha das baixas do curso anterior.

Tampouco continuará no bloque pontevedrés a base Carolina Bernardeco, fichada polo Cortegada de Vilagarcía de LF2. No seu lugar actuará Laura Fernández, base canaria, con experiencia na nova competición, chamada a ser o temón dunha escadra na que a outra Fernández, Marta, intentará dar outro paso adiante máis para afianzarse como unha xogadora relevante dentro da categoría.

Trío de pívots

Será un gran desafío tamén para o trío de pívots que repite experiencia, un ano máis (Heather Forster-Nerea Liste- Díaz Pache). A estadounidense está afianzada como a xogadora estranxeira con máis temporadas da historia do club, mentras que Díaz Pache exerce como capitá.

Entre os rivais, varios proxectos cos ollos postos na Liga Femenina, como o Azul Marino Mallorca, un dos colectivos máis poderosos.

Algúns antigos compañeiros de viaxe do Arxil na LF2, como Lima Horta, Barça CBS, Lagunera Adareva, Unicaja Mijas, Lasalle Melilla debuxan unha competición en crecemento, dun elevado nivel de esixencia que porá a proba a capacidade de adaptación ao medio do novo Arxil.

FUENTE: DIARIO DE PONTEVEDRA