Rematou a temporada para o CB Arxil, dúas semanas antes do momento desexado, da disputa do play-off polo ascenso a Liga Challenge que o equipo verde soñaba con disputar. Malia a proximidade desa meta non acadada, Maite Méndez ve máis luces ca sombras na campaña. «Decepcionante, non a denominaría», sentenciou á hora de emprender unha análise sobre o acontecido no curso.
A preparadora verde resume nunha boa contradición as sensacións que transmitiu o Arxil da campaña 2022-23, cun xogo brillante por momentos, pero tamén con dificultades para superar algunhas barreiras. «Estou contenta e estou doída. Se xuntamos tódolos minutos malos do equipo, igual non suman un partido. Pero foron en partidos chave. Non sabemos se foi por un tema de concentración, de mentalización ou de xestionar a presión en partidos decisivos… e en ocasións, non soubemos lidar con algunhas arbitraxes», explicou para facer entender o perda das opcións de play-off cando a falta de dúas xornadas a situación parecía de cara, tralo triunfo arxilista perante o daquela líder Tirso Incentro.
«Este foi o equipo que máis adestrou e máis se implicou de todos os que tiven desde 2002», di a preparadora
Entre os aspectos positivos que valorou Méndez está o compromiso. «Este foi o equipo que máis adestrou e máis se implicou de tódolos que tiven desde o ano 2001-02», e iso é moito dicir en 20 anos de Arxil na Liga Femenina Dos.
«Foi un grupo comprometido a nivel de equipo, co club e coa base. Fixeron tódolos esforzos e mesmo adestraron máis do que se lles pedía. Non podemos dicir absolutamente nada malo delas canto á profesionalidade», enxalzou a adestradora arxilista, moi satisfeita coa conduta das súas pupilas durante o curso.
O xogo colectivo foi unha das bazas dun Arxil cun xogo máis coral que o de outros anos e que «en moitos momentos fixo un baloncesto espectacular».
Por iso, doe máis rematar fóra dos catro primeiros postos. «Temos un bo cabreo no corpo técnico, porque este equipo merecía xogar o play-off».
Para disputalo, debía superar a última barreira, a dos dous partidos finais. E no penúltimo, nun ambiente hostil, as verdes cederon contra un conxunto que pelexaba pola permanencia, o Maristas da Coruña. «Foi o equipo que máis puntos nos meteu, 84».
E iso dá pé a pensar en cal foi o asunto que limitou o colectivo. «Estou contenta do xogo desenvolvido, pero non de como o equipo se contaxiou da presión, desa obriga de gañar».
«Estou contenta e estou doída. Contenta co xogo desenvolvido, pero non de como o equipo se contaxiou da presión», di Méndez
E é que sempre que o Arxil parecía dar o paso definitivo para estar arriba, sufría un traspé. Tivo un rendemento inclasificable, con partidos moi malos no peor momento, como o propio da Coruña (facendo un 9/19 en tiros libres, cando foi o segundo mellor equipo desde a liña de 4,60 do grupo) e o do Miralvalle no CGTD, pero tamén «fomos salvando retos ao longo da temporada», con algunhas obras de arte, como contra o Tirso a tres semanas do remate do curso ou o de Almería a domicilio ao comezo da segunda volta .
Lesións, baixas e falta de adestramento dalgunhas xogadoras ou algunha arbitraxe foron factores sinalados por Maite como limitantes que impediron que as verdes concluísen cuartas.
O Arxil foi o terceiro máximo anotador do seu grupo de LF2, o terceiro que menos puntos encaixou, o segundo en porcentaxe de tiro de dous, de tiro de campo e de tiros libres, o terceiro en rebotes totais, o segundo en asistencias, o terceiro en recuperacións e o cuarto en valoración. Todos datos de equipo de play-off, pero sen play-off.
Ademais, contou coa segunda mellor xogadora da liga e mellor nacional, Nerea Liste, pívot que deu un gran salto de calidade e que foi fundamental nos esquemas de Maite Méndez.
As fichaxes funcionaron e fixeron que algúns prognósticos de especialistas fosen errados. «Houbo xente que dicía que eramos carne de canón con este plantel».
A adestradora entende que «o compromiso do equipo merece a renovación»
O seguinte paso do club é a renovación do grupo. «O corpo técnico quere reunirse e logo falar con elas antes de que marchen de viaxe para ver expectativas de cara ao curso que vén. O compromiso do equipo merece a renovación, pero non depende só de nós e, en ocasións, nin sequera delas».
O aspecto económico influirá e moito. «Os atrasos nos pagamentos do Concello estannos lastrando. Non nos gusta non cumprir e non poder pagar nóminas». A achega dun patrocinador e a estabilidade coas instalacions serían elementos chave para que o Arxil siga a ser competitivo.
FUENTE: DIARIO DE PONTEVEDRA